Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat opina

Cosme Damián, biólogo e membro do Grupo Naturalista Hábitat

Sobre os voitres

Voitre leonado.

Voitre leonado. / J.J. Guillen

O primeiro sábado de setembro de cada ano celébrase o Día Internacional de Concienciación sobre os Voitres. Esta data pretende concienciar á poboación sobre a importancia destas aves para a saúde do mundo rural e dos ecosistemas silvestres, algo referendado polas Nacións Unidas no seu programa One Health. Serve, tamén, para celebrar o traballo en todo o mundo de centos de persoas dedicadas ao estudo e conservación das vinte e tres especies de voitres existentes, frecuentemente en condicións de precariedade e sen apoio oficial.

Cómpre subliñar que en Galicia se teñen rexistrado varias especies de voitres: a meloufa (Neophron percnopterus), nidificante en escaso número no cuadrante sueste galego, e considerada vulnerable en Galicia e España. O voitre eurasiático (Gyps fulvus), quizais nidificante no pasado en serras do norte galego, é hoxe de presenza regular e mesmo numerosa fóra da época de cría nas montañas con gando en réxime extensivo. A miúdo asociados aos voitres eurasiáticos, obsérvanse algúns voitres negros (Aegypius monachus), especie vulnerable en España. De modo moito máis ocasional, é observado en Galicia o voitre de Rüppell (Gyps rueppelli), de orixe africana e similar ao voitre eurasiático. Tamén existen citas de quebraosos (Gypaetus barbatus) divagantes, especie nidificante nos Pireneos e puntualmente noutros sistemas montañosos, catalogada como en perigo de extinción en España. A última adición á lista de voitres observados en Galicia aconteceu este 2026, cun exemplar radiomarcado en Marrocos de voitre africano (Gyps africanus), que se aventurou ata as serras do extremo norte galego.

A pervivencia desa gandería de monte, con vacas e cabalos semisalvaxes en áreas de montaña, explica a presenza de voitres procedentes doutras zonas ibéricas en Galicia, que aproveitan as preas de animais que morren no campo. Os voitres, de ningún xeito, son animais soltados pola administración, nin tampouco son perigosos para o gando vivo. Ao contrario: son aliados do mundo rural, mantendo libre de preas o campo e evitando a aparición de doenzas, cun servizo ecosistémico natural que aforra millóns de euros en xestión ás arcas públicas.

Entre as ameazas a estas grandes aves están, por un lado, os aeroxeradores eólicos, con colisións fatais constatadas en Galicia. Tamén os tendidos eléctricos, o veleno e o uso de determinados medicamentos para o gando (que resultan tóxicos para os voitres) puideran provocar baixas de xeito ocasional. Pero, sen dúbida, o abandono das actividades gandeiras en moitos puntos das serras galegas, e eventuais cambios nas políticas de xestión dos cadáveres do gando vacún, cabalar, caprino e ovino, preocupa ás persoas dedicadas á conservación. Estas mudanzas poden dificultar aos voitres o acceso a un alimento vital, ata agora suficiente e predecible.

Conclusión: o Grupo Naturalista Hábitat celebra este Día Internacional de Concienciación sobre os Voitres poñendo o foco sobre a diversidade destas aves na nosa terra e aclarando algúns puntos que, por desgraza, son terxiversados nos medios de comunicación. Longa vida aos voitres galegos!

Tracking Pixel Contents