Opinión
Suso de Toro e a criminalización do antisionismo
A Audiencia de Madrid vén de acoller un recurso de apelación da organización prosionista ACOM, ordenando seguir a pescuda xudicial contra o recoñecido escritor e intelectual galego Suso de Toro, baixo a desaquelada acusación de incorrer nun suposto delito de odio antisemita. Neste proceso, como noutros semellantes, emprégase a denuncia penal. Estamos ante unha operación deseñada desde os sumidoiros do totalitarismo mediático que pretende converter o Código Penal (CP) nunha mordaza inquisitorial para criminalizar a solidariedade internacional e o dereito á crítica fronte á barbarie.
Cómpre, xa que logo, aplicarmos a hixiene conceptual e xurídica que ACOM quere emborrallar. O antisemitismo é unha doutrina racista e biolóxica, que persegue ao pobo xudeu pola súa condición étnica. O antixudaísmo supón unha aversión de carácter estritamente relixioso ou teolóxico. Calquera das dúas pode constituír un delito de odio do artigo 510 CP ou unha agravante para outros delitos, consonte co artigo 22.4 CP.
Pola contra, o antisionismo é unha posición política lexítima, que impugna a ideoloxía supremacista que exerce o goberno de Israel como réxime de exclusión. Ideoloxía que latexa na propia reforma constitucional de 2018 que lle outorgou ao grupo étnico xudeu a exclusividade no exercicio do dereito á autodeterminación e constitucionalizou a política de colonización de terras palestinianas. Dende entón o Goberno Netanyahu sobordou con moito eses novos alicerces constitucionais supremacistas para
incorrer en Gaza en crimes contra a Humanidade que ben poden cualificarse de xenocidio. Velaí as ordes de prendemento vixentes do Tribunal Penal Internacional (orde xurisdicional recoñecido por case todo o mundo, mais negado por Israel, EUA, China e Rusia) contra o mesmo Netanyahu e o seu exministro de Defensa, Yoav Galant.
As manifestacións públicas de Suso de Toro encaixan, de xeito inequívoco, nesta última categoría. A conduta do escritor galego carece de calquera tipicidade penal derivada do artigo 510 CP. Non hai nel ningunha incitación á violencia nin menoscabo da dignidade das persoas pola súa relixión ou raza; o que existe é unha fonda raigame ética e humanista, unha denuncia do esmagamento e xenocidio do pobo palestiniano que entronca coa mellor tradición do intelectualismo comprometido e coa xurisprudencia do Tribunal Supremo, que blinda a crítica política cara a calquera Estado estranxeiro sen que iso poida asimilarse de xeito falaz a un ataque a unha minoría protexida. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), por outra banda, ten reiterado que a liberdade de expresión ampara non só as ideas inofensivas, senón aquelas que mesmo son quen a conmover ao Estado.
Esta posición ética diferénciase radicalmente, dende unha perspectiva xurídica rigorosa, do célebre precedente Garaudy contra Francia (TEDH, 2003).
O filósofo Roger Garaudy foi condenado en Francia por publicar un libelo que negaba o Holocausto e minimizaba os crimes contra a humanidade do nazismo sufridos polo pobo xudeu. O Tribunal de Estrasburgo rexeitou amparalo na liberdade de expresión recoñecida no Convenio Europeo determinando que existía abuso de Dereito, xa que o negacionismo non busca un debate político lexítimo, senón a rehabilitación dun réxime de exterminio e o ataque directo aos superviventes. Velaí que tentar equiparar a denuncia humanitaria de Suso de Toro a prol dun pobo ocupado e sometido a crimes contra a Humanidade co negacionismo culpábel de Garaudy supón unha perversión dogmática non aturábel.
Cómpre, xa que logo, solicitar a aplicación inmediata da Directiva anti-SLAPP da Unión Europea para frear o acoso xudicial de entidades como ACOM e outros entes de acusación falsa. Estas plataformas operan como auténticos tribunais do Santo Oficio, utilizando as querelas temerarias non para gañar nos tribunais —onde saben que os seus alegatos carecen de sostemento xurídico—, senón para destruír a reputación civil dos disidentes e espallar un efecto desalentador que conxele o debate público.
Galicia ha erguer unha resposta solidaria e transversal ante este atropelo. Defender a inocencia e a dignidade de Suso de Toro é hoxe unha obriga democrática para preservar a nosa propia autonomía mental fronte á Inquisición do século XXI. n
Suscríbete para seguir leyendo
- Doce cañones y ametralladoras, más de cien metros de eslora y espacio para helicópteros: la patrullera neerlandesa 'Friesland' atraca en los muelles de A Coruña
- Tanxugueiras evita el boicot de su actuación en Palencia por un grupo de radicales
- Casa Miranda, un histórico de las tortillas de Betanzos, cierra a final de año: 'Lo llevo en la sangre y voy a sufrir, pero algún día hay que parar
- José Ángel se despide del Deportivo: 'Nunca imaginé tener este sentimiento por ningún club
- Bil Nsongo madura en el Deportivo y Camerún vigila su crecimiento: en la prelista y con opciones de jugar con la selección
- El Ayuntamiento de A Coruña pone en suspenso el proceso para arreglar la fachada de la Casa Escariz
- Vía libre a las tres torres de 18 alturas junto al centro Ágora de A Coruña
- Galicia busca 3.500 conductores: «Si hoy apareciesen 400, empezarían a trabajar ya»
