Non se asuste o informado lector cos titulares que encabezan este escrito. O motivo é que o fraterno Portugal anda alporizado coas declaracións dun dos seus fillos preclaros como son as do seu premio Nobel de Literatura 1998, José Saramago, quen demostrou non coñecer a idiosincrasia dos seus paisanos lusitanos. E xa levamos uns días que nos xornais non deixan de aparecer titulares como: Intensa polémica en Portugal coa Iberia do Nobel Saramago, e coa resposta do seu paisano Durao Barroso presidente da Unión Europea "as cousas non son tan simples", e así polo mesmo estilo, embaixadores, diplomáticos, ministros portugueses en paro ou en activo "erguéronse en pé de guerra", perdóenme a miña esaxeración lusista, contra esta soa insinuación do egrexio nobel. Martíns da Cruz, ex embaixador luso en Madrid chegou a dicir que aínda que Saramago "sabe de literatura" debe deixar "a política para os políticos e a estratexia para os estrategas" (sic), ¡mira que son esaxerados estes portugueses! Ou sexa que os que non son políticos non poden opinar sobre estas cuestións? Pensarán así os políticos españois autodenominándose "estrategas"? Onde estudaron política o 99% dos exercentes usufrutuarios da política? Audaces é unha palabra suave, atrevidos, e ocórreseme dicirlles nulidades engreídas e consagradas, por esta suficiencia ó atacaren ó egrexio Saramago. Po outra banda ó nobel Saramago podémoslle atribuír aquela imaxe latina do poeta Horacio "parturiunt montes, nascetur ridiculus mus", (paren os montes e naceu un ridículo ratiño)..., a orixinal (?) idea de Saramago produciu un resultado pésimo...; todo Portugal alporizouse contra el. Debemos nomealo fillo adoptivo, os españois, por riba casado con española.Non dixo nada novo o citado escritor. Dicíame un vello amigo e compadre portugués: "Estou pensando que se España se unise a Portugal seriamos un gran país". Espetoume aquel amigo profesor. "¡Como!", díxenlle eu, será ó revés, porque o accesorio segue ó principal. Causoulle graza a miña rápida resposta, pero así é como pensan a maioría dos portugueses, agás o devandito Saramago, a piques de o declararen os seus concidadáns persoa "non grata" ou vende patrias. Aí lle caeron: "o iberismo non se reformula hoxe!; o xeneral retirado Loureiro dos Santos" "queda claro que os portugueses prefiren gobernarse a si mesmos e non polos outros?" ¿Teño razón ou non? E non sigo con estas reaccións patrióticas ou chauvinistas contra a opinión dun ilustre paisano deles; ¡Deus nos libre que se lle ocorrese a un nacionalista galego como ós patriotas, o moderado vicepresidente Quintana, "o magnánimo", pola obra social que realiza; ou ó prudente e intelixente deputado Aymerich e o añorado Camilo Nogueira quase fundador en Europa da Patria Galega pro lusa! Pois xa ve, admirado Don Camilo, cómo reaccionan os nosos curmáns, se lles ocorrese, repito, a suxestión de unirnos os galegos á Lusitania, non nos queren porque xa vén da Historia. No fondo crense superiores ós seus curmáns os españois, porque os irmáns sempre foron os ingleses. Teñen sempre presente a única batalla, que durou 2 anos, e que os meniños aprenden nas escolas, a de Aljubarrota, que lle ganaron, coa axuda dos ingleses, ós españois, contra o rei Juan I de Castela quen se proclamara rei de Portugal. É que non queren nin oír falar diso. Complexo? Patriotismo chauvinista?Seguía este amigo profesor, contándome as glorias portuguesas; "tivemos un famoso médico portugués, un verdadeiro sabio". "Como?" replícolle, "¿un sabio portugués?". A gargallada do meu interlocutor luso foi espontánea: referíase ó único nobel, daquela, ó psiquiatra portugués Antonio Egas Monis quen recibiu no ano 1949 o premio Nobel polas súas valiosas técnicas cirúrxicas. E qué dicir dos ditos xocosos nos que en todos eles se resalta un certo complexo de inferioridade ou de grandeza patriótica. Aí van uns poucos, sen acritude, e sen enfado por esta reacción antiunitaria. Posiblemente vostede non se decatou do letreiro que hai na antiga ponte de Tui. Deixando a metade da ponte que pertence a España, lemos: "Aquí acábase o mundo mais empeza Portugal". Na cidade dos meniños en Coimbra verá un gran mural coa metrópole no centro e coas chamadas eufemisticamente "provincias de ultramar", antes coñecidas co nome de "colonias", con esta lenda "Portugal non é unha naçao pequena se se estira non cabe no mundo enteiro". Posiblemente foi máis dunha vez a Forteza, Valença do Miño, verá nos canóns dispostos cara a Tui unha inscrición: "ai de ti se cuspo!". E qué dicir, repetimos, dos nomes fachendosos dos seus trens: "O frecha", "O foguete", e do barco fluvial o "Terror dos mares", preguntándolle ó práctico se había calado para entrar na ría de Vigo; e do destrutor "Ousado", podiamos seguir.Pregámoslle desde aquí que se solicite ó hispanófilo (?), casado tamén con española, como dixen antes, e preocupado nobel portugués, a desaparición inmediata da definición de "galego" que aparece nalgúns dos seus dicionarios "Galego: individuo natural de Galicia, ordinario, groseiro, pequeno, mozo de corda" e borrar tamén dos refraneiros lusos: "de España, nin bo vento nin bo casamento". Non quero rematar, a pesar desta unánime reacción "antiibérica", antiunitaria, de deixar de recoñecer as virtudes deste gran pobo.¿Como se van unir a nós eles que tamén teñen o seu Cervantes, como os ingleses o seu Shakespeare? Eles teñen os seus Lusiadas de Luis de Camoens, quen inmortalizou toda a epopea dos descubrimentos marítimos portugueses que deron "novos mundos ó mundo". Nel se consagran as grandes virtudes dese pobo irmán, a súa coraxe, a súa fe, o seu espírito abnegado, emprendedor e activo. Por isto, señor Saramago, o seu pequeno gran país nunca se unirá a nós.