A localidade pontevedresa do Grove acolle o Náutico de San Vicente, un lugar especial que se converte na casa de grandes artistas como Leiva, Coque Malla, Love of Lesbian, Miguel Ríos, Iván Ferreiro ou o coruñés Xoel López. Este templo dos melómanos conta cunha programación secreta que muda a partir de setembro anunciando os artistas.

No programa Festigaliando da Televisión de Galicia (TVG), os espectadores gozarán esta noite dun espectáculo, preciamente, de Xoel López, e outro da banda Burning, que tiveron lugar durante a primeira semana de setembro. O espazo da TVG tamén fará fincapé na repercusión que os concertos do Náutico de San Vicente teñen na contorna.

‘48 horas para o si’

Por outra banda, a TVG anunciou onte a volta, proximamente, do programa 48 horas para o si, un dos grandes éxitos da canle autonómica na temporada pasada. Mentres tanto, convidará esta noite aos seus espectadores a poñerse do outro lado. Despois de dous días organizando un casamento en segredo, que pasaría se a resposta á petición de man fose non? Haberá algunha negativa nos novos programas? Quedará alguén plantado coa cerimonia preparada? Haberá quen pense: “canto mellor sería dicir que non”?

Coa axuda da presentadora do formato, Iolanda Muíños; unha das redactoras, Rocío Barrio, e a directora, Silvia Carnero, o especial 48 horas para o non irá amosando os momentos de emoción que viviron as parellas.