Entrevista | Francisco Jorquera Concelleiro electo polo BNG

“Hai moitos aspectos do Goberno de Inés Rey nos que hai que introducir melloras"

“Un hipotético acordo ten que ir acompañado de mecanismos que garantan o seu cumprimento”

Francisco Jorquera, durante a noite electoral

Francisco Jorquera, durante a noite electoral / Casteleiro/Roller Agencia

Francisco Jorquera, concelleiro electo do BNG, valora o escenario postelectoral, no que a formación é imprescindible para investir a Inés Rey como alcaldesa.

O BNG agora mesmo é chave do Goberno en María Pita, unha tarefa que encarará, adiantou, con “responsabilidade” pero “máxima esixencia”. A que supeditará a investidura de Inés Rey?

De momento non se pode adiantar. O que toca é que as distintas forzas políticas se reúnan, e valoren máis devagar os resultados da xornada de onte e saquen conclusións, e a partires de aí se iniciará o proceso. O BNG aínda non tivo tempo de convocar aos seus órganos de dirección. Non é o noso estilo inciar un proceso de negociación anticipando previamente as nosas condicións nin poñendo liñas vermellas. O que nos vai a preocupar é que o resultante sexa un acordo que permita introducir cambios na orientación das políticas municipais ao respecto do acontecido nestes últimos catro anos, porque hai moitos aspectos da acción do goberno de Inés Rey que nos merecen crítica e entendemos que hai que introducir correccións e melloras. Ese hipotético acordo ten que ir acompañado de mecanismos que garantan o seu cumprimento, nestes catro anos de múltiples exemplos de acordos adoptados que foron sistematicamente incumpridos.

Influirá a dirección nacional do partido nas condicións dese acordo, ou decidirase dende a cidade?

Os asuntos locais concretarémolos na Coruña, pero o BNG é unha forza política de ámbito galego, e polo tanto as conclusións que se saquen sobre o marco resultante desas eleccións municipais no conxunto de Galicia e cales deben ser as orientacións a seguir ímolas ter en conta, como é lóxico en toda organización política.

Na noite electoral tivo palabras para as forzas progresistas que non tiveron representación. O BNG queda como única forza á esquerda do PSOE. Esta perda de pluralidade no espectro pode supor un perxuízo para os intereses da cidadanía máis progresista?

Eu defendo o pluralismo político pero creo que cada forza ten que facer unha análise autocrítica dos seus resultados e de por que chegou a esa situación. Dende o enorme respecto que me merecen os compoñentes desas forzas políticas creo que unha cousa que premiou a sociedade é que o BNG demostrou que era unha forza política sólida, con longo percorrido, porque en política é bo aportar frescura, saber das respostas ás situacións e problemas de cada momento, pero tamén ser unha forza que teña unha bagaxe, un proxecto político contrastado, que non sexa froito de algunha conxuntura, e creo que a sociedade premiou as forzas políticas que se caracterizaron pola súa estabilidade e fiabilidade á hora de facer política.