O artista que coida o sorriso dos nenos

O dentista Pablo Varela presenta hoxe no Galgo Azul o libro infantil ‘Dentista Musical’

O dentista e artista Pablo Varela, e a ilustradora Yanina Torres.  | |  IAGO LÓPEZ

O dentista e artista Pablo Varela, e a ilustradora Yanina Torres. | | IAGO LÓPEZ

A Coruña

«Cando era pequeno, sempre estiven rodeado de música porque os meus tíos, que eran cegos, tocaban o piano, pero eles dixéronlle á miña nai que era unha tolemia meterme nun conservatorio», conta Pablo Varela.

A música pasou de longo e a odontoloxía converteuse na súa profesión, pero esa espiña sempre quedou cravada. Moitos anos despois, quitouna coa creación de Dentista Musical, un proxecto dirixido aos máis pequenos que presente este domingo as 12.30 horas na libraría Galgo Azul.

«Eu fun aprendendo aos poucos a tocar e a cantar, e durante a pandemia converteuse nun refuxio. Así como había xente que facía biscoitos, eu aproveitei para afondar neste tema», lembra.

O pianista Iago Mourinho axudou a Pablo neste proceso e, cando xa tiña nove temas escritos, animouno a gravalos: «Fun a un estudo de gravación e chamei algúns amigos para que colaborasen». Entre estes amigos estaban grandes nomes como Xurxo Souto, Tonhito de Poi, Caamaño e Ameixeiras ou Juanillo Esteban, a lexendaria voz do Xabarín, entre outros.

As cancións deron lugar a un libro infantil no que se poden escoitar mediante un código QR: «Agora a xente xa non escoita as cousas en CD, véñenche todos así». Para as ilustracións do libro contou coa colaboración da ilustradora Yanina Torres, artista plástica cunha longa traxectoria á que Pablo eloxia polo seu traballo.

En total, imprimiron 500 unidades, todo autoeditado e autofinanciado: «Se quería que saíse adiante como eu quería, tiña que financialo eu mesmo», apunta o odontólogo.

Co libro, «os nenos poden perder o medo a ir ao dentista e os pais teñen ferramentas para ensinarlles aos seus fillos a coidar da súa saúde bucodental», comenta Pablo Varela a partir dos comentarios recibidos.

Aínda que a mensaxe é importante, tamén o é pasalo ben. Cancións como Vicente, O Dente Valente ou Tira o Chupete —esta última cunha parte musical de reguetón— farán bailar aos nenos mentres aprenden a coidar a súa saúde bucodental. «A premisa sempre é que as cancións sexan divertidas».

Tracking Pixel Contents