A boa mesa é a nosa cultura. Na provincia da Coruña fixemos do potencial culinario das nosas terras un xeito de vida. Con esforzo e dedicación mesturamos o mellor do mar e da terra para levalo aos nosos pratos, e que mellor que estas datas tan especiais para degustar os manxares que as terras coruñesas nos brindan.

A provincia da Coruña posúe unha extensísima liña de costa e como ten que ser, a súa gastronomía está estreitamente ligada ao mar. O océano Atlántico proporciona algún dos produtos máis cobizados nestas datas, como son por exemplo os percebes, entre os que destacan os do Roncudo, en Corme (Ponteceso), os de Cedeira e os de Aguiño, en Ribeira, e grazas a afouteza das percebeiras e percebeiros, que esquivan os golpes das ondas para recollelos, podemos gozar deles nos nosos pratos. Outros produtos que tamén teñen moita e merecida fama, e que non faltan en case ningunha mesa, son os longueiróns de Fisterra, os mexillóns de Lorbé e os berberechos de Noia, entre outros mariscos que podemos atopar en calquera lonxa ou porto estas semanas.

Dependendo de en que punto da provincia nos atopemos tamén podemos escoller receitas únicas. E é que ademais de polas súas espectaculares paisaxes, Ferrolterra destaca pola preparación do polbo dun xeito que difire á clásica receita "á feira": o polbo á mugardesa, propio da vila de Mugardos. Á marxe dos peixes e mariscos que son imprescindibles nas mesas nestas festas e que son o produto estrela cando falamos do territorio galego, e en especial do coruñés, hai outros produtos ligados á terra que son merecedores dun especial recoñecemento. Así pois atopamos a tenreira galega do Forgoselo, entre A Capela e San Sadurniño, os grelos de Monfero, a pataca de Coristanco, a faba de Bergantiños ou os pementos de Herbón, en Padrón, famosos polo dito ou mellor a realidade de que "uns pican e outros non", e os do Couto, elixidos por quen prefire non arriscar tanto.

Agora ben, todos estes pratos non serían o que son sen o noso acompañamento tradicional: o pan. O pan galego é recoñecido en toda España, para o cal cada localidade ten o seu segredo á hora de elaboralo, destacando especialmente o pan de Carballo, o de Carral, e o de Neda.

E non hai menú nestas festas que non leve unha sobremesa contundente. Así que para os que son máis larpeiros, a provincia conta cunha exquisita repostería con merecida sona, que abarca desde os melindres de Melide ata o mel e as manteigadas das Pontes, sen esquecer a famosa torta de Santiago.

Con toda esta materia prima, a provincia da Coruña convértese nun boísimo mercado para adquirir os produtos máis saborosos e representativos das xuntanzas deste Nadal. Non hai mellor escusa para sentarnos á mesa. Boas Festas! E bo proveito!