Os nenos e adultos de Melide abandoaron por un día as videoconsolas, ordenadores e xoguetes modernos para darlle unha oportunidade a un entretemento máis enxebre e tradicional. Como celebración das festas de San Roque, o concello coruñés, baixo a organización da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional e co apoio do Concello e da Sociedade de Pesca Deportiva Ponte Mazaira, tornouse en campo de acción para a celebración da III Festa de Xogos Tradicionais da Terra de Melide e o III Campionato de Tirapedras da Galicia. Durante dous días, tanto pequenos coma maiores puideron disfrutar dunha xornada tradicional, bañada de lembranzas e diversión.

O martes pasado, de 12.00 a 14.30 horas, a vila desenvolveu algúns dos xogos populares máis destacados da cultura galega. Dez recunchos do casco vello acolleron a iniciativa ca fin de "recuperar os espazos naturais e os xogos de cando eramos pequenos", explica Manuel Rodríguez, un dos organizadores do festival. As prazas do Convento, das Coles e de Ichoas foron testemuño de xogos como o da ra, as carrilanas, a mariola ou a chave nun esforzo por revivir o espírito dunha tradición case esquecida tralos productos infantís das novas tecnoloxías. A mañá de onte estivo protagonizada polo concurso de tiracroios -a dez metros de distancia sobre dianas móbiles e xiratorias - e a exhibición do trompo máis pequeno do mundo.Os gañadores deste certame de tirapedras foron: Daniel Sánchez, Martiño Ferreiro e Manuel Segade na categoría infantil, e Manuel Castro, José Cagide e Emeterio Morejón na categoría de adultos.