A plataforma Queremos Galego elevou ao 90 por cento o seguimento da folga convocada hoxe no ensino non universitario para protestar contra a proposta de decreto do plurilingüismo da Xunta --que establece unha repartición das materias en tres terzos entre o castelán, o galego e unha lingua estranxeira--, mentres que a Consellería de Educación o situou por debaixo do 50 por cento.

Segundo manifestaron Carlos Callón, en representación de Queremos Galego, así como o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, o respaldo á folga, tanto de profesorado coma de estudantes, superou o 90 por cento. Por iso, cualificárona como unha "mobilización unánime" da sociedade galega e da comunidade educativa.

Louzao resaltou, en declaracións a Europa Press, que esta foi "unha das folgas de maior seguimento na historia do ensino de Galicia" e cifrou "en máis do 80 por cento" o respaldo do profesorado, elevando ao 90 por cento o seguimento incluíndo os estudantes que apoiaron a convocatoria ao non acudir ás aulas. "Hoxe as aulas están baleiras, en repulsa e rexeitamento a unhas bases que o que pretenden é erradicar o galego no ensino", subliñou.

Por iso, a central nacionalista considerou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, "deberían tomar boa nota e recoñecer que o ensino galego rexeita esta proposta de bases, por ser un ataque sen precedentes ao idioma" de Galicia.

Nesta liña, o sindicato STEG cualificou de "éxito histórico" o paro en defensa da lingua galega, ao tempo que situou por enriba do 80 por cento o respaldo do profesorado á folga.

"O éxito da mobilización confirma que a sociedade quere unha capacitación real e plena para o alumnado na lingua propia de Galicia, polo que non pode rebaixarse a súa presenza no ensino", sostivo.

Pola súa banda, Marcelino Brea, de UGT-Galicia, destacou que "practicamente o ensino parou". "Si podemos dicir que o ensino está paralizada en Galicia e isto ten que marcar un punto de inflexión para abrirse á negociación dun elemento de todos, que non pode ser un elemento de confrontación que divida á sociedade e por suposto ao ensino", afirmou.

Tamén o secretario de Acción Sindical de Ensino de CC.OO., José Fuentes, cualificou de "éxito rotundo" a xornada de paro porque "están moitos centros pechados en toda Galicia". "Valorámolo e esperamos que Feijóo tome nota desta manifestación tan grande. Estamos en contra da postura do PP", sentenciou. Por todo iso, o sindicato reclamou á Consellería de Educación que "tome nota" e inclúa as súas propostas no borrador para o novo decreto.

"DIA NORMAL"

Pola contra, a Xunta resaltou que a incidencia da folga no ensino non universitario --en centros públicos-- situouse por debaixo do 50 por cento, segundo os datos facilitados a Educación polas súas xefaturas provinciais. Por provincias apuntou que en Ourense un 44 por cento do profesorado seguiu o paro; un 47 por cento na Coruña; un 50 por cento en Pontevedra; e un 35 por cento en Lugo.

Deste modo, a Administración educativa explicou que o dato, que se refire só aos centros públicos, "indica que a maioría absoluta dos profesores acudiron con normalidade a clase neste día de folga preventiva convocada e secundada por algúns sindicatos".

Neste sentido, Educación resaltou que "a totalidade dos centros educativos" abriron as súas portas e impartiron "maioritariamente" as clases "como nun día normal".

A consellería concretou que onde a folga foi seguida, os escolares "foron igualmente atendidos" polos servizos mínimos establecidos en cada centro. Ademais, puntualizou que o transporte e os comedores escolares "tamén funcionaron con total normalidade".

"FINALIDADE PARTIDISTA"

A Xunta, tras trasladar o seu respecto á decisión dos folguistas, recalcou que a convocatoria "é unha simple consecuencia da falta de argumentos dos convocantes". Educación engadiu que con esta folga "se vulneraron os dereitos dos escolares" só cunha finalidade partidista".

Segundo o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, "a folga convocouse contra a maioría social de Galicia, contra os que apostan polo plurilingüismo cordial e mesmo contra os que avogan por outro modelo, pero queren discutilo serenamente".

A Administración reiterou que considera "preventiva" tanto a convocatoria de folga como a manifestación, porque "foron anunciadas antes de coñecerse o texto de bases para o borrador do decreto".

Ao respecto, Pinal acusou a Queremos Galego "de non querer dialogar". "Foi un dos convidados a reunirse para falar sobre as bases do decreto, pero rexeitou o convite, cousa que xa fixeron no mes de outubro", aseverou.

Despois de lamentar que os convocantes da manifestación "fosen mesmo en contra da idea de diálogo e entendemento que propugna a Real Academia Galega" no seu documento", o director xeral concluíu que "o monolingüismo e a inmersión son consecuencia de ver a Galicia como un país pechado, separado, á defensiva, e con medo á modernidade".

"En cambio, o plurilingüismo parte dunha concepción de Galicia como un país integrado en España, en Europa e no mundo de hoxe. Estamos pois, diante de dous modelos ben distintos: o plurilingüismo fronte ao monolingüismo. O modelo galego fronte a modelos importados; a liberdade fronte á imposición; e o diálogo fronte á folga", concluíu.