Nun momento de desafío, a industria cultural galega presenta a súa feira máis ambiciosa: unha fin de semana con 130 actividades de todo tipo de disciplinas e para diversos públicos (das novas propostas do cine comercial as dos grupos que se autodenominan marxinais), 75 entidades expositoras, 300 profesionais acreditados para compartir experiencias e debates... "É o froito do esforzo compartido de todo o sector cultural para facer desta cuarta edición a máis completa e variada da historia", sinala o presidente de Culturgal, Xulio Amigo.

Este exerceu onte de anfitrión no arranque da feira, que propuxo un primeiro día de música, moda, maxia ou teatro. A maiores, o público pode disfrutar das novidades editoriais, do cine ou dos xogos, nun espacio feiral remodelado no que se volve a repetir o esquema dun "fogar" da cultura galega cos seus respectivos cuartos para os distintos sectores.

No "cuarto dos nenos" desenvolvese cada día unha programación específica para os máis pequenos, caso dos obradoiros de arte, teatro ou música. No "salón", o espacio central da casa, os escritores toman a palabra (hoxe a charla será entre Manuel Rivas e o cinesta José Luis Cuerda sobre a adaptación o cine do libro Todo é Silencio e exhibiranse as primeiras imaxes da película) e no "patio" concéntrase a oferta de música, danza, teatro...

No "garaxe" o audiovisual é protagonista: onte foi a presentación oficial de Vilamor de Ignacio Vilar e hoxe será Jorge Algora quen de a coñecer E sen embargo, quérote. E, finalmente, no "faiado" dase cita a cultura "marxinal" de Galicia, nunha programación que se estenderá desde esta mañá ata o peche da feira e que recibirá hoxe, entre outros, ao poeta Carlos Oroza.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos F. Fasero; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, foron uns dos primeiros convidados a visitar os distintos espazos da feira e experimentar propostas como as de locutar un informativo (unha posibilidade que se pode ensaiar no stand da Televisión de Galicia) ou convertirse nunha personaxe da novela do escritor Camilo Franco.

A maiores das actividades no recinto feiral (polo que está previsto que pasen máis de 50 relatores) Culturgal propón concertos, debates ou desfiles de moda noutros espazos da cidade como o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (o museo soterrado onde se celebrou onte á noite a pasarela do deseñador Gonzalo Vázquez), o Teatro Principal (onde actuou Mercedes Peón) ou a Sala Karma (que recibiu a Niño y Pistola).

En nome da principal patrocinadora da feira, Juan Carlos F. Fasero reiterou a petición que xa fixera á industria cultural na presentación da nova edición de Culturgal: un esforzo creativo e de internacionalización para incrementar a aportación destes sectores ao PIB galego.

Hoxe as industrias culturais supoñen o 2% do PIB do país, moi por debaixo da media europea que supera o 4%. "Gran parte do noso esforzo conxunto debe centrarse en achegarnos a esa media, incrementando o volume de emprego e de produción, a internacionalización e a posta en valor da industria cultural a todos os niveis", engadiu o responsable de Agadic.

Este felicitouse porque Galicia sexa a primeira comunidade en contar cun estudio detallado (As cifras da industria cultural galega publicado o pasado ano pola Axencia das Industrias Culturais) sobre o potencial económico e social da cultura. Lembrou que a día de hoxe máis de 17.000 persoas traballan nesta industria que "debe mellorar" a súa contribución á xeración de emprego, afrontando a crise pero tamén outros desafíos como o pirateo ou a falta dunha normativa de mecenazgo que posibilite unha maior participación das empresas.

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística lembrou que o escaparate da cultura galega tamén serve "para poñer de manifesto a vitalidade na nosa lingua, está é a festa da cultura galega", subliñou.