O Salón Teatro de Santiago. A que foi, en verbas de Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego (CDG), a "casa referencial" do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, e o derradeiro lugar que simbolicamente cruzou antes de realizar o "transbordo" ao sitio no que repousa o seu corpo, foi o lugar escollido pola Consellería de Cultura para presentar os actos cos que aspira a homenaxear a obra e figura do autor compostelano ao longo de todo este ano.

Aínda que as aspiracións para o protagonista do Día das Letras Galegas de 2013 van máis aló. As de Belén Quintáns, viúva do escritor e unha das impulsoras da asociación que leva o nome de Roberto Vidal Bolaño, son máis ambiciosas. A súa esperanza é que a programación deste ano sexa "un punto de partida dunha viaxe que a súa obra deberá percorrer neste mar revolto da cultura máis aló" da celebración. Neste sentido, Quintáns demandou que non quede todo en homenaxes, senón que se realice un "estudo serio" da súa obra e que ésta se poña en escea porque, suliñou, "non se pode deixar de novo no esquecemento unha figura tan importante".

Da importancia do autor e os seus vencellos coa súa "casa" do Salón Teatro dá fe o feito de que o Centro Dramático Galego fará xirar toda a programación que ten prevista para este ano en torno á figura de Vidal Bolaño "por primeira vez" na súa historia, tal e como avanzou onte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, maiormente a través de coproducións.

Coma o "espazo natural" do autor homenaxeado é o teatro -así o lembrou o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez-, serán precisamente as obras sobre o escenario as grandes protagonistas dos actos previstos para a tempada. A que fai pouco estreou a compañía pública autonómica, Días sen gloria, cuxo escenario serviu de fondo para a presentación, foi só o comezo. Para este ano están previstas, explicou Lorenzo, máis dun cento de representacións por toda a comunidade sobre (ou inspiradas en) obras do creador teatral.

Tras Días sen gloria tocaralle o turno a Criaturas, unha coprodución do CDG co Teatro do Aquí -compañía na que Vidal Bolaño desenvolveu a derradeira parte da súa andaina profesional-. En maio tomará o relevo BailadELAS (seis mulleres bolañesas), que estará coproducida entre o CDG e Teatro Antroido -compañía coa que, a principios dos 70, Bolaño deu paso cara a profesionalización escénica-. O escenario escollido para a estrea dunha obra escrita por Roi Vidal sobre textos do seu proxenitor será o Auditorio Municipal de Rianxo. Dos máis cativos faranse cargo, tamén en colaboración coa compañía institucional galega, Teatro do Noroeste e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, coa obra Touporroutou da lúa e do sol.

As compañías de teatro universitario tamén se apuntan á homenaxe dun autor que Jesús Vázquez definiu onte como "único", "memorable" e posuidor dun "talento inesgotable". A Compañía de Lugo da Universidade de Santiago escolleu Animaliños, mentres que A Coruña puxo en escea A burla do galo. Finalmente, dende a Universidade de Vigo apostaron por Vidal Bolaño 2013, composta a partir de varias pezas do autor.

Ademais de teatro -no que ser espectador terá, por primeira vez, premio, grazas a un concurso de comentarios-, completan a programación as citas audiovisuais que, baixo o título Vidal Bolaño recuperado, amosan 12 gravacións das súas representacións históricas. Trala exhibición en febreiro da metade das pezas, haberá unha segunda xeira en novembro. Ademais o 18 de maio proxectarase Doentes no CGAI (A Coruña), unha película de Gustavo Balza sobre unha obra de Bolaño.

Nunha celebración das letras non poden faltar os libros. O conselleiro explicou que, ademais de Doentes, se editarán as Obras completas do dramaturgo, un volume dos Cadernos Ramón Piñeiro que recopilará Escritos propios sobre o teatro (posición e teoría) e Un chapeu negro e un nariz vermello -texto biográfico con DVD-.

Como é habitual, unha exposición itinerante percorrerá entre maio e decembro toda a comunidade galega para difundir a obra de Vidal Bolaño, e nos centros escolares están programados, entre outras actividades, un concurso de carteis e a Festa da Lingua. Ademais, será o centro de atención dos lectorados de galego existentes en 38 universidades de fóra da comunidade.