Ás 14.30 horas de onte, o catedrático emérito Xesús Alonso Montero converteuse no novo presidente da Real Academia Galega (RAG) por unha diferencia de dous votos sobre a outra candidatura, encabezada polo extesoureiro, Manuel González. Convértese así no duodécimo presidente electo á fronte do ente, trala dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín, envolta nunha grave polémica tras denuciar que a independencia da Academia estaba en perigo. Tamén fai historia, xa que por primeira vez nos 107 anos de historia do ente concorrían dúas listas á elección.

A decisión estivo rifada, ata o punto de que na primeira votación houbo un empate 12-12, con un voto en branco e dous votos por correo. Na segunda volta, cando so votan os académicos presentes, o cambio de voto dun deles foi decisivo: deu a victoria a Alonso Montero. Así, o resultado final sería de 12 fronte a 10, tamén cun voto en branco. O sufraxio realizouse logo de dúas horas e vinte minutos de debate e explicación de respectivos programas. Trala votación, Manuel González achegouse a dar un abrazo ao novo presidente, que o valorou: "É máis que un xesto retórico, para min ten significado", engadiu.

Alonso Montero repetía a frase Vivat floreat natio Galaica,coa que o escritor e académico sueco Göran Björkman saudaba a fundación oficial da Real Academia Galega en 1906, baixo a presidencia de Manuel Murguía. "Seguiremos con lealtade ese lema", prometeu, "e para iso tódalas institucións políticas e académicas teñen que funcionar ben".

Xunto a el, gobernarán a RAG os próximos catro anos os académicos Henrique Monteagudo, que será secretario; Rosario Álvarez, tesoureira; Andrés Torres Queiruga, vicesecretario e Margarida Ledo, archiveira.

Ante o escenario de división, as primeiras palabras do novo presidente dirixíronse a búsqueda da armonía: "Pretendemos un clima de concordia. Estamos vivindo unha situación anómala (...) - para conseguilo non existe un decálogo; ou está no corazón e na intelixencia das persoas, ou non. - non considero que as persoas que nos votaron non conten con esa cultura da concordia e con ilusión. Estou feliz polo ben público acompañado por persoas comprometidas coa causa (en referencia aos catro membros da súa executiva)".

As anécdotas foron a queixa de Montero por ter que expoñer en segunda orde o seu programa -aínda que foi elixido académico dez anos antes que o outro candidato na RAG, pero non ingresou- e que un dos votos por correo que elixía a Montero incluía o nome dun académico que non ía na lista.