Hai once anos que o grupo lalinense Dhais deixou a súa actividade musical. Hai dúas décadas publicaron o seu primeiro disco, titulado co nome da banda, grazas a un concurso organizado polo Xacobeo, e remataron anos máis tarde a súa actividade discográfica coa saída ao mercado do álbum Arman Vela. O motivo de retomar a actividade enriba dun escenario na noite dos XII PREMIOS OPINIÓN vén propiciado por unha homenaxe adiada no tempo a dous dos seus antigos compoñentes, o frautista Luís Areán e o baixista César Morais, que finaron sendo parte do grupo.

O violinista Quim Farinha subliña que a proposta para render tributo aos seus antigos compañeiros "foi un subidón para nós" e comenta os detalles do que será un concerto moi emotivo, "no que temos preparada unha pequena sorpresa para o público cando interpretemos o tema final".

-Levan meses ensaiando coa vista posta nesta cita tan especial para vostedes. Como se foron achando dende o primeiro ensaio ata o derradeiro?

-Houbo de todo e fomos evolucionando de xeito positivo mentres iamos engadindo horas de traballo. Por momentos debemos loitar bastante para superar os atrancos que achabamos, xa que cadaquén foi indo por diferentes vieiros ao longo destes anos, pero dende o primeiro momento houbo un bo feeling, tanto musical como persoal, e iso axudou moito a que todo funcionase ben.

-Deberon estar cómodos elaborando as pezas cando a organización propuxo que fixeran cinco temas e agora teñen preparados dous máis para interpretar na gala.

-Incluso tiñamos unha máis, pero decidimos prescindir dela por ser demasiado lenta. O público que coñeza os nosos discos comprobará que as pezas van soar semellantes a como foron gravados no pasado, pero existe unha melloría na harmonía e no empaste. Decidimos interpretar pezas de todos os discos, incluído aquel Arca Marmórica que gravamos conxuntamente con outras dúas bandas logo de ser vencedores do concurso para grupos noveis que organizaba o Festival Cidade Vella.

-Para Dhais será un concerto moi especial.

-Sen dúbida. Vai ser unha xornada moi emotiva, xa que conflúen moitas cousas. Vai vir ao concerto xente que nos escoitou en directo hai tempo e aparecerán moitas lembranzas. A homenaxe a Luís e César era algo que tiñamos pendente hai tempo e cremos que a gala dos PREMIOS OPINIÓN é un contexto idóneo para realizar ese tributo, posto que entre o público estarán presentes músicos doutros grupos e algúns que no seu día formaron parte de bandas xa desaparecidas É un público con xente ligada a este mundiño ou seareiros deste tipo de música.

-Os arranxos e xeito de facer música de Dhais eran diferentes a todo o demais que existía no panorama folk galego da época. Cre que esa sonoridade que manexaban está agora máis vixente que daquela?

-Creo que no seu momento algunha das nosas pezas foron moi atrevidas e hoxe en día estase moito máis afeito á experimentación. Mirado con esa perspectiva si que podemos considerar que a nosa música está máis vixente na actualidade que cando sacamos os nosos discos. - lembro que se nos quedou na gabeta algún tema que incluso era máis complicado que os que finalmente quedaron rexistrados nos discos.

-Deixan a porta aberta a realizar máis concertos no futuro ou incluso relanzar ao grupo?

-Logo do traballo de montar os temas non pechamos ningunha posibilidade, xa que sería unha mágoa que quedase todo reducido a un só concerto. Dependerá un pouco das sensacións que teñamos mañá no escenario e tamén das obrigas dos compoñentes da banda xa que, por exemplo, Pablo Caramés vive fóra de Galicia.