Un ano máis os artistas sobranceiros da música de raíz galega teñen a posibilidade de levarse a casa un dos PREMIOS OPINIÓN, galardóns que teñen no seu historial aos nomes máis representativos do folk galego. Dende a anterior edición, os nomes dos tres gañadores, nos apartados de mellor canción orixinal, disco e artista, coñécense na propia cerimonia, o que outorga un compoñente de emoción e incertidume ao acto.

Nesta décimo segunda edición engádese outro tipo de emoción ao contar no escenario co grupo Dhais. Os do Deza levaban once anos retirados dos escenarios, mais sempre quedoulles pendente realizar unha homenaxe a dous dos compañeiros que finaran cando eran parte da banda. A organización ofreceulles a posibilidade de facer esa homenaxe nesta data especial para o folk galego e o resultado dese convite poderá verse hoxe na parte final do espectáculo, cando o conxunto suba ás táboas do Rosalía para interpretar temas dos seus antigos discoshomenaxe folk galego. No patio de butacas estarán moitos amigos da formación de Lalín. Sen dúbida que ese recital será un momento especialmente emotivo para moitas persoas.

Antes de realizar o seu concerto, os asistentes ao acto poderán visionar un vídeo de sete minutos de duración que lembra ao grupo e aos músicos desaparecidos.

Tal como veu sucedendo nas últimas edicións, o elenco de actuacións aposta por ofrecer unha variedade estilística que sexa un reflexo das diferentes propostas que se poden escoitar dentro da música de raíz. O público poderá escoitar sons vidos directamente da rica tradición musical existente en Galicia interpretados de xeito moi diferente, algo que enriquece á nosa cultura. A gala tamén mesturará a parte instrumental coa cantada.

O xornalista Moncho Lemos será o mestre de cerimonias. O profesional é coñecido polo seu labor durante máis de dúas décadas na TVG e polo programa musical Fondos Reservados, emitido pola Radio Galega. O director do arquivo sonoro desa radio, Pablo Barreiro, recibirá o PREMIO OPINIÓN Andaina SenlleiraPablo BarreiroPREMIO OPINIÓN Andaina Senlleira na gala.

Arrolos de Xabier Díaz e Guillerme Fernández

Realizaron no 2010 o disco Arrolos de salitre para darlle a oportunidade de promocionarse a novas voces galegas, pero non tiveran ocasión de estar con eles enriba dun escenario ata esta noite. Na gala dos galardóns, Xabier Díaz e Guillerme Fernández estarán acompañados por Carlos Álvarez, Diego Calviño e Uxía Cribeiro, tres das voces que participaron no álbum.

Sons da tradición desde Arteixo e Betanzos

Na imaxe contemplamos ás cantareiras Taravela, formadas musicalmente na Asociación Xuvenil Xiradela de Arteixo. Son as encargadas de abrir o espectáculo coas súas potentes voces. Logo subirán ao escenario os membros da Agrupación Instrumental da Escola Municipal de Folclore de Betanzos, con Pedro Lamas como director musical.

Entradas para os lectores

Os lectores de LA OPINIÓN A CORUÑA poden acadar entradas para asistir á gala. Os interesados deben conseguir o cupón que se publica hoxe na edición impresa e pasar pola sede do xornal, na Rúa Franxa 40-42, para selar o boleto.