"Ahora te pido que no llores más, ya me has llorado bastante. Muero con la conciencia tranquila, que no le he hecho mal a nadie y que no me he manchado jamás las manos de sangre. Ten fe en el porvenir y sabe esperar, y verás como llegará un día en que mi sangre derramada inocentemente, como la de millones de españoles, servirá para hacer justicia sobre esos cobardes asesinos". Máis de seis mil presos republicanos de todo o territorio español pasaron polo presidio da illa de San Simón entre 1936 e 1943. José Mejuto Bernárdez foi un deles. Tamén estivo nos cárceres de Vigo e Pontevedra, onde foi executado, en xullo de 1937. Foron, en total, once meses na cadea, durante os cales escribiu arredor de corenta cartas, dirixidas á súa muller, Alejandra Nogueiras, aos seus catro fillos, aos seus irmáns e á súa nai. Textos que, ademais de posuír un enorme valor sentimental para a súa familia, constitúen un testemuño de gran valor histórico.

Onte, unhas das netas de José, Ana Paula Mejuto, depositaria deste estremecedor legado, entregou unha copia das misivas á Real Academia Galega (RAG), nun emotivo e sinxelo acto celebrado na sede coruñesa da institución. Os orixinais serán depositados, tamén, no arquivo da RAG logo da súa publicación, en formato libro, pola propia Ana Paula, quen lle agredeceu especialmente á profesora e membro correspondente da Academia Olivia Rodríguez o seu labor como intermediaria entre o legado do seu avó e a institución.

"A miña avoa viviu sempre comprometida coa súa historia, pasou a vida queréndoo. - eu crecín tendo moi presente ao meu avó. Por iso, cando lin as súas cartas por primeira vez foi moi conmovedor. Son marabillosas, estremecedoras... pero cheas de vida, non están mortas. El quería que está historia saíse á luz, que as cousas non quedaran así. Son unhas cartas que reflicten o seu desexo de que se fixese xustiza", sinalou Ana Paula, quen explicou que, anos despois de que o seu avó fora asasinado con só trinta anos, a familia enteira trasladouse a Arxentina. "Son unha porteña coa cultura galega coma legado. Meu avó estaría moi orgulloso de que as súas cartas sexan custodiadas pola Academia. Merecen coñecerse", engadiu.

José Mejuto Bernárdez era mecánico naval con inquietudes culturais e políticas e escribía moi ben, tal e como apunta a súa neta e como testemuñan as misivas. As razóns que provocaron o seu prendemento parece que están relacionadas cunha denuncia formulada por alguén próximo e a causa dunhas retesías familiares, algo desgraciadamente común naquela época.

"Eu teño lido moitas cartas deste tipo, pero as que nos entrega hoxe Ana Paula Mejuto, escritas en castelán, son dunha calidade verdadeiramente extraordinaria, se temos en conta o oficio do seu avó, mecánico, e as circunstancias durísimas nas que foron escritas, na illa de San Simón", salientou o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, quen se mostrou "particularmente emocionado" cando Ana Paula lle fixo entrega, tamén, da fita coas cores da bandeira republicana que apaceu xunto coas pertenzas do finado que se lle entregaron á súa viúva. "Na Academia gárdanse grandes tesouros, pero creo que unha peza destas características nunca estivera aquí", sinalou. Alonso Montero recordou, entón, ao seu pai, que tamén estivo preso na illa de San Simón por ocultar a un cliente republicano nunha taberna de Vigo. "Como ben dicía Valentín Paz Andrade nun dos seus poemas, San Simón é a illa do amor de Mendiño, pero tamén a illa do estremecemento", concluiu.