Berrogüetto ven de anunciar a súa disolución nun comunicado difundido nas últimas horas e que reproducimos a continuación:

"Facémolo cun sorriso, satisfeitos polo traballo realizado e polos obxectivos acadados.

Logo de 5 discos e un libro-disco editados e un bo feixe de inesquecibles concertos, poñemos fin á nosa carreira como grupo, conscientes e orgullosos do compromiso mantido sempre coa música e a cultura do país, guiándonos únicamente polo noso afán creativo e o noso propio e inconformista universo musical.

Non podemos nin queremos deixar de agradecer o apoio recibido por parte da crítica e, de xeito especial, das nosas familias e do noso público. Todos eles fixéronnos sentir o seu alento e apoio ao longo de todos estes anos de andaina musical, nos bos e nos malos momentos.

Tentaremos corresponder á vosa incondicional fidelidade da maneira que mellor sabemos, cunha pequena xira de despedida por algunhas das vilas máis importantes do país, que anunciaremos no seu momento"

Unha perda para a cultura galega

Todo comezou nun concerto do Festival Cidade Vella na Praza da Quintana compostelá. Seis meses antes disolvérase a banda Matto Congrio e Berrogüetto afrontaba o seu primeiro concerto, no que decidiron non botar man de ningunha peza do anterior conxunto malia que algún membro da nova formación asinara algún tema. Foi un xeito de presentarse en sociedade deixando claras as cartas a empregar, rompendo totalmente co pasado e albiscando o futuro. Alí xa se lles virán boas maneiras.

Dezaoito anos despois, logo de realizar unha carreira que os sitúa entre os artistas máis sobranceiros na historia da música galega, non só no eido folk, decidiron hoxe romper co seu brillante pasado e pasar páxina cara a futuros proxectos que desexamos satisfactorios.

Na súa andaina publicaron cinco discos e obtiveron unha meritoria candidatura ao Grammy latino. Entre os seus logros posúen tres PREMIOS OPINIÓN. Non en van foron eles os gañadores do mellor álbum na primeira edición dos nosos galardóns polo seu traballo en Hepta.

É unha nova moi mala para a cultura galega e haberá tempo para reflexionar sobre os motivos que obrigan a unha banda prestixiosa a ter que abandonar a súa carreira, pero non é alleo a iso a maldita crise que é quen de afundir a creadores sobranceiros.

Berrogüetto acadou gran respecto na escena internacional e era un orgullo para a música deste país contar cun grupo como eles.

Os membros de Berrogüetto despídense nas redes sociais:

Anxo Pintos:

"Sinto unha gratitude inmensa por estes dezaoito anos de convivio co talento musical e emocional de Quico Comesaña, Isaac Isaac Palacin, Santiago Cribeiro, Quim Farinha, Guille Fernandez , Xabier Diaz, e Guadi Galego, do ciclópeo bon facer de Bea Beatriz Fontán , do impecable profesionalidade e amizade de Suso Ramallo. De Fernando Pérez Iglesias , Paco Juncal e as pandereteiras de Cantigas e Agarimos nos nosos primeiros anos. De Carlos Vila pola súa contribución decisiva no arranque desta longa e intensa travesía? En fin, faltan palabras que encarnen as emocións que se suscitan para descreber o aloumiño e o privilexio de ter vivido tantas experiencias únicas ao carón dos meus compañeiros, de tantos amigos e profesionais que contribuíron a que Berrogüetto fora un barco ao que nunca lle faltou o vento nas velas. E sobre todo, grazas a vos por estar aí, co voso alento e o voso aloumiño permanente.

Seguiremos roturando as leiras do silencio. Bicos!!!!"

Quico Comesaña:

"Todo o que empeza, remata nalgún momento. Non hai nada infinito. Foron casi 19 anos xuntos, compartindo ilusións, alegrías, tristezas... Pero o máis importante: compartimos unha forma de facer música que sería imposible sen a paixón que se lle puso, peza a peza, nota a nota. Grazas Anxo, Isaac, Santi, Guille, Quim, Xabier, Guadi, Paco, Suso, Beatriz. Grazas a todos os que estivestes con nos durante tanto tempo."

Isaac Palacín:

"En abril Berrogüetto cumpriría dezanove. Dezanove anos de experiencias únicas intensas, de subidas de baixadas, de mil problemas e 999 solucións, de viaxes máxicas e duros periplos. De millóns de palmas e sorrisos e algún tirón de orellas.

Teño que agradecer a vida a oportunidade de compartir tantas cousas con esta marabillosa xente que me axudaron a crecer como persoa e como músico. Con algúns levo tocando 25 anos!!

Guadi Galego, Guille Fernandez, Anxo Pintos, Santi, Quim Farinha, Quico Comesaña, Xabier Diaz, Suso Ramallo e Beatriz Fontán. Miles de grazas por todo.

E por suposto a xente que nos mostrou de sempre o apoio incondicional, fostes o indispensable soporte das nosas teimas.

Seguiredes sabendo de nos de un ou outro xeito. É o fin desta etapa, comenzan outras!!

Bicos a mares"

Guillerme Fernández:

"Media vida compartindo músicas, amizade, viaxes e moito máis con Isaac Palacin, Santi Cribeiro, Quico Comesaña, Quim Farinha, Anxo Pintos, Xabier Diaz, Guadi Galego, Beatriz Fontán, Suso Ramallo e máis xente que gardo na memoria. Berrogüetto pon punto e final á súa andaina, queda e segue a música e a vida vivida. Agradecido a tod@s por todo, vémonos nos palcos!!"

Xabier Díaz:

"Grazas por estes maravillosos anos, Guille Fernandez, Anxo Pintos Isaac Palacin Quim Farinha Quico Comesaña,Santi Cribeiro Guadi Galego Suso Ramallo, Beatriz Fontán .Foi fantástico."

View the story "Disolución de Berrogüetto" on Storify