'Náufragos' lembra hoxe o primeiro rescate nocturno en helicóptero en Galicia

Un dificultoso operativo permitiu salvar a vida aos 16 tripulantes do 'Terceiro Cabo Naval', que embarrancou en punta Lens por unha néboa, en outubro de 1986

O equipo de 'Náufragos', con Antonio Queiruga, do 'Terceiro Cabo Naval'.

O equipo de 'Náufragos', con Antonio Queiruga, do 'Terceiro Cabo Naval'. / producións celta

Redacción | a coruña

O programa Náufragos, que pretende achegarlles aos espectadores un dos aspectos máis determinantes da vida mariñeira e a realidade máis terrible que se pode dar no mundo do mar, tratará hoxe (15.30 horas) as historias dos barcos Terceiro Cabo Naval e Punta Bazar.

O Terceiro Cabo Naval, cerqueiro con base en Portosín, viña de pescar da zona de Fisterra o 22 de outubro de 1986 cando, por mor dunha néboa mesta, embarrancou nos baixos de punta Lens. O seu rescate, no que se salvaron os 16 tripulantes, foi o primeiro que se realizou de noite e con helicóptero en Galicia, un operativo moi dificultoso, unha batalla contra o mar e contra o tempo para salvar os homes do Terceiro Cabo Naval.

Ademais, o equipo de Náufragos -programa semanal de Producións Celta, dirixido e presentado por X. H. Rivadulla- tamén lembrará o afundimento do Punta Bazar, un buque con base no porto da Guarda que se dedicaba á pesca do peixe espada coa arte do palangre. O 16 de xullo de 1995 viña en ruta cara ao porto de Vigo, procedente de Uruguai, coas neveiras cargadas de peixe, e, á altura da costa de Senegal, sufriu unha vía de auga, o que provocou que os 14 mariñeiros a bordo tivesen que abandonar un buque, que se afundiu en poucas horas.

Tracking Pixel Contents