O grupo Berrogüetto é o gañador do VIII PREMIO OPINIÓN Andaina Senlleira

A exitosa formación galega de folk retirouse o ano pasado dos escenarios e ao longo da súa traxectoria xa lograra o recoñecemento dos galardóns en tres ocasións

Concerto de Berrogüetto na primeira edición dos PREMIOS OPINIÓN.

Concerto de Berrogüetto na primeira edición dos PREMIOS OPINIÓN. / javier rodríguez

Óscar Losada | a coruña

Deixaron os escenarios en febreiro do ano pasado e a súa xira de despedida amosou que o público gozaba coa súa proposta, o que xa se viu dende os primeiros momentos da súa traxectoria, onde foron quen de encher teatros e conseguiron chamar moito a atención do respectable cando os concertos se celebraban ao aire libre.

No seu comunicado de despedida oficial dicían que se retiraban cun sorriso "satisfeitos polo traballo realizado e polos obxectivos acadados. Logo de cinco discos e un libro-disco editados e un bo feixe de inesquecibles concertos, poñemos fin á nosa carreira como grupo, conscientes e orgullosos do compromiso mantido sempre coa música e a cultura do país, guiándonos unicamente polo noso afán creativo e o noso propio e inconformista universo musical".

Todo comezou nun concerto do Festival Cidade Vella na Praza da Quintana compostelá. Seis meses antes disolvérase a banda Matto Congrio e Berrogüetto afrontaba o seu primeiro concerto, no que decidiron non botar man de ningunha peza do anterior conxunto malia que algún membro da nova formación asinara algún tema. Foi un xeito de presentarse en sociedade deixando claras as cartas a empregar, rompendo totalmente co pasado e albiscando o futuro. Alí xa se lles viran boas maneiras, que se viron referendadas no futuro ata se converter nun referente histórico do folk galego. Despois virían moitos concertos a gardar na memoria.

Ao recibir a nova do galardón concedido ao grupo, Quico Comesaña, un dos compoñentes do conxunto, considera "que é bonito sermos premiados, sobre todo cando o grupo xa non está porque iso significa que se segue a falar da nosa obra, o que considero importante". Nesa mesma liña afonda o violinista Quim Farinha, quen estará tocando con Talabarte na gala de entrega de premios, a quen lle parece "fantástico que se teña en conta nese galardón a grupos que desaparecen. É un xeito de seguir a falar da súa obra e unha axuda para que as vindeiras xeracións non se esquezan do grupo e que siga a formar parte na historia da nosa música". Pola súa banda, o acordeonista Santi Cribeiro valora o premio "como un recoñecemento a unha traxectoria que tivo a súa importancia na historia da nosa música. Aínda que eu non son moito de premios sempre resulta bonito gañalos e debemos estar agradecidos". O percusionista Isaac Palacín indica que este tipo de recoñecementos a unha traxectoria musical sobranceira "resulta sempre moi positivo e agradécese moito, e máis cando a ruptura do grupo está aínda tan recente no tempo".

O xurado dos premios da Crítica de Galicia no seu apartado musical decidiron outorgarlle o ano pasado o galardón ao conxunto "pola excelente traxectoria artística de case vinte anos do grupo vigués, constituíndose nunha referencia imprescindible na música de raíz galega, e un conxunto de prestixio no panorama internacional que deixa un legado permanente na nosa cultura".

En canto ao historial da banda nos PREMIOS OPINIÓN cómpre salientar que obtiveron a estatuíña representativa do galardón en tres ocasións. Co álbum Hepta lograron ser o mellor disco do ano na primeira edición, posteriormente acadaron con 10.0 o segundo lugar e finalmente Kosmogonías, o seu último traballo discográfico, ocupou o terceiro posto na edición do 2010. Polo tanto os premios xa valoraran no seu día o importante labor efectuado por un conxunto que deixa un baleiro moi grande na escena musical galega. Anteriormente recibiran o Andaina Senlleira, premio que valora o global dunha carreira, o solista Emilio Cao e os grupos Na Lúa e Fuxan os Ventos. No caso desta última formación pode darse a posibilidade de que opten este ano a un dos tres premios anuais, nas categorías de disco, canción e artista, xa que decidiron publicar un novo traballo discográfico.

Outros gañadores do galardón foron o mestre e músico Antón Corral, a agrupación Cantigas e Agarimos, o enxeñeiro de son Pablo Barreiro e a folclorista suíza Dorothé Schubarth.

Tracking Pixel Contents