Talabarte e aCadaCanto actuarán na gala de entrega

A décimo cuarta gala de entrega dos PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz terá lugar o vindeiro 28 de maio no teatro Rosalía de Castro ás oito e media da tarde.

Esa noite coñecerase aos músicos vencedores nos tres apartados en competencia: mellor disco, canción e artista. Como vén acontecendo nas últimas tres edicións preparouse unha gala que poida deixar satisfeito ao público por mor do valor dos artistas que van pasar polo escenario. Nesta ocasión existe unha chiscada a Berrogüetto, gañadores do premio á traxectoria, xa que algún dos seus compoñentes estará actuando na noite máis festiva para a música de raíz realizada en Galicia.

Os primeiros en subir ao palco serán os compoñentes de Talabarte. O trío prepara para este ano o seu segundo traballo discográfico e na gala poderán escoitarse pezas que formarán parte desa obra. Coa súa ópera prima lograron dúas candidaturas como finalistas nos premios, nos apartados de disco e canción, e deixaron moi boas sensacións a nivel artístico.

O cuarteto aCadaCanto tamén logrou ser finalista dos galardóns en dúas ocasións como mellor peza orixinal e seguro que eses fermosos temas se poderán escoitar na cerimonia de entrega dos galardóns. O grupo realizou dous traballos e, nun principio, non gravará máis discos no futuro.

Tracking Pixel Contents