Diego Pardo é lector no Centro de Estudos Galegos da Universidade de Oxford, un dos máis antigos xa que foi fundado hai case trinta anos por John Rutherford. Asegura que nesta institución británica o galego ten "unha situación privilexiada" xa que, ao contrario do que pasa co catalán, "a lingua galega conta cun espacio propio, que inclúe unha extensa biblioteca de acceso para todos os membros da comunidade universitaria".

Pese a que as clases que imparten neste centro están abertas a todos os universitarios, Diego recoñece que a maioría dos matriculados son alumnos que cursan algunha carreira de letras e relacionada coas linguas (o que en España equivalería a algunha filoloxía). "Na actualidade contamos con 15 alumnos, a cifra habitual de todos os anos", explica este mozo galego, quen resalta que, pese a que pode parecer unha cifra moi baixa, "algúns deles deciden escribir as súas teses de doutoramente sobre aspectos relacionados con Galicia". E pon un exemplo. "Unha antiga estudante de Oxford, Phoebe Oliver, investiga agora sobre a literatura galega no prerrexurdimento noutra universidade inglesa. É, como se ve, moi boa inversión", sostén.

A aprendizaxe de galego é unha materia optativa nos tres primeiros anos de carreira e no cuarto, poden escoller entre facer un curso de literatura galega contemporánea, decimonónica ou sociolingüística para preparar tres ensaios que, ao final de curso, son avaliados de forma anónima por varios profesores da Universidade de Oxford. Nas clases combínanse a gramática e as prácticas orais con actividades relacionadas coa cultura galega como visionado de películas, exposicións ou mesmo temas vinculados coa gastronomía. "Cada tres anos tamén organizamos, con outros lectores de español, portugués e catalán, un Foro de Estudos Ibéricos", explica.

Pardo alaba o labor dos lectorados en lingua galega como fórmula estratéxica para dar a coñecer o galego e Galicia por todo o mundo. "Está moi de moda falar da marca de países que se exporta e creo que os lectorados son unha garantía de calidade para a marca Galicia que, como pobo, nos interesa promover internacionalmente. Non hai mellor campaña de publicidade internacional sobre Galicia que os lectorados", asegura.

Pero o seu optimismo torna cando ten que analizar a situación que atravesa o galego na sú terra natal. "Quen debía prestixiar o idioma non o fixo de forma eficiente e as cifras que amosan un alarmante descenso de falantes así o indican. Teño a certeza de que cando un goberno tome en serio a recuperación do galego, a situación comezará a mudar", sentencia este lector de galego en Oxford.