Asegura que a meirande parte dos alumnos que se matriculan en Lingua e Literatura Galega na Universidade de Padua non coñecían antes este idioma, pero a demanda non deixa de crecer. "Nos inicios do centro, no ano 2001, houbo cursos nos que había poucos matriculados, pero nos últimos anos temos chegado a ter máis de 30 por curso", explica María Pardo Vuelta, lectora do Centro de Estudos Galegos desta universidade italiana, dirixido por Giovanni Borriero e que ten como público obxectivo aos alumnos das facultades de Letras e Linguas.

"A Universidade ofrece dúas asignaturas relacionadas co galego: Lingua e Lettorato di lingua galega, que adoita ter entre 15 e 30 alumnos, algúns dos cales acaban facendo os traballos de final de grao sobre temas relacionados coa literatura galega, e Lettorato di lingua galega, na que os estudantes teñen a oportunidade de profundizar no seu coñecemento da lingua e a cultura galega, que ten entre 10 e 15 alumnos", sinala esta lectora, que explica que a primeira é unha asignatura optativa e a segunda, de libre elección.

María, que recoñece que para os alumnos italianos o galego é doado de aprender ao ser dúas linguas románicas, explica que as clases "baséanse na comprensión interlingüística, así coma nun método de ensino comunicativo e de aprendizaxe por tarefas". Ademais recoñece que para moitos o galego é algo totalmente descoñecido. "Para a maioría é o seu primeiro contacto coa cultura galega", sostén esta lectora, afincada en Galicia.

María Pardo ten claro que os lectorados, as clases de galego no exterior, "aportan un recoñecemento esencial á nosa cultura e literatura, e unha visión máis realista da diversidade existente dentro das fronteiras do Estado español". "A nivel científico, o feito de que esteamos a formar a novos investigadores galicianistas, ou que os xa existentes teñan un espacio onde publicar os seus traballos e investigacións, aporta un recoñecemento á nosa lingua e unha maior lexitimidade científica aos estudos sobre o galego", relata. Sobre a situación do galego en Galicia cree que o decreto do plurilingüismo "que por primeira vez no ensino prohíbe expresamente dar en galego determinadas materias científicas nas escolas, prexudica seriamente a normalización lingüística".