Centos de galegos participaron onte en distintas marchas polas principais cidades e vilas, auspiciadas todas elas pola plataforma Queremos Galego, co obxecto de levar á rúa a importancia de reivindicar a utilización da lingua propia para ter unha "Galicia con futuro".

Unha das protestas más miltitudinarias foi a que se celebrou en Compostela, onde os participantes lembraron que sen empregar o idioma de Castelao e Rosalía "non se pode camiñar". É o que reflectiu o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, e é esta a mesma mensaxe que se repetiu en A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, así coma noutros municipios, enmarcada tal reivindicación en concentracións, manifestacións e, mesmo, en actos lúdicos.

Maceira expuxo en Santiago a necesidade de seguir saíndo á rúa para "defender o idioma", logo de seis anos nos que "dende a Xunta de (Alberto Núñez) Feijóo" se impulsaron políticas "radicalmente contrarias á lingua". O voceiro de Queremos Galego criticou a ambigüidade de que haxa persoas "que habitualmente atacan á lingua galega" na súa actividade institucional e, en cambio, nunha xornada como a de hoxe, reivindícana. Fixo unha alusión expresa ao mandatario galego, quen "se esquence" a diario do idioma e da sociedade galega, e que utiliza, paradoxalmente, un día festivo como o de hoxe, para "repoñer forzas e enerxía" e garantir cada 17-M que traballará a favor do idioma e para dar visibilidade á "literatura, o teatro e a cultura propia".

Esta acción reivindicativa, na que houbo este aceno irónico, partiu da Praza de Praterías para bordear, a continuación, boa parte do casco vello. Nela participaron membros do panorama asociativo e cultural galego, xunto a organizacións como Galiza Nova, Os Comités e a Liga Estudantil. No percorrido da protesta, que comezou pasadas as doce do mediodía, coreáronse cánticos como "Na Galiza en Galego, "O Galego ten futuro" e "Queremos Galego".