O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recordou este martes que a lingua galega é "un códice vivo escrito por todos" e destacou a importancia de erixilo en "punto de encontro", ao tempo que recordou o traballo do poeta Manuel María en relación á "cultura oral" e o definiu como un "tertuliano" co "don da palabra".

Así o remarcou durante a súa intervención na localidade lucense de Outeiro de Rei no acto institucional de homenaxe a Manuel María, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Ao acto, que tivo lugar no CEIP Laverde Ruiz, acudiron, entre outros, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices.

O presidente galego centrou o seu discurso no idioma galego como ferramenta para "superar fronteiras xeracionais e ideolóxicas" e destacou a súa capacidade para cohesionar ao territorio. "A lingua sempre une, porque é o resultado do uso continuado que fai dela un pobo", dixo Feijóo, para quen constitúe algo "escrito por todos e que ninguén pode roubar".

Nesta liña, Núñez Feijóo recordou a figura de Manuel María como poeta, dramaturgo, escritor, guionista e "militante de moitas causas", pero, "sobre todo, tertuliano". "Tiña o don da palabra e cultivaba esa cultura oral na que sempre se distinguiron os nosos creadores", apuntou o xefe do Executivo galego.

Fronte aos autores clásicos "solitarios", Feijóo destacou na biografía de Manuel María os "fitos marcados polos faladoiros máis singulares da época".

"Atrévome a suxerir que, se a Galicia de hoxe é un fogar de todos e para todos, se debe á semente que se plantou neses faladoiros", apuntou, tras definir o autor homenaxeado como un "home de amigos".

DIVERSIDADE IDEOLÓXICA

Entre outras cuestións, o presidente galego fixo mención á "diversidade ideolóxica" que reinaba en aqueles faladoiros e á "capacidade comunicativa" dos seus integrantes.

De feito, puntualizou que a lingua "servía entón como punto de encontro" e segue constituíndo a día de hoxe o "fío" que fai de Galicia "unha comunidade".

Como exemplo, recordou a "convicción nacionalista de Manuel María" e a "tendencia conservadora" de Xosé Filgueira Valverde, homenaxeado nas Letras Galegas de 2015. "Os dous son afluentes do grande río que é a cultura galega. Ambos os dous contribuíron a que o noso idioma estea presente no mundo, facendo patente nosa xeito de ser", resumiu Núñez Feijóo, para quen, sen algún dos dous, "Galicia sería máis pequena".