A Televisión de Galicia (TVG) estará hoxe pendente dos Reis Magos, da súa chegada a Galicia e da preparación das cabalgatas nas cidades máis importantes de Galicia. A Revista estará en directo no Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña, por onde pasarán as súas maxestades para repartir agasallos a rapaces e rapazas hospitalizados, que non poderán abrilos na súa casa. Ademais, os reporteiros do programa irán á cidade de Ourense para coñecer os preparativos para a cabalgata de Reis.

Laura Peña, a presentadora de A Revista, entrevistará aos membros do grupo de rock indie de Sada The Trunks. Nuky García, Rob Toretto e Rodrigo Valiente, guitarrista, batería e voz da banda, respectivamente, falarán sobre os seus plans este ano. No estudio tamén estará o colaborador habitual Moncho Lemos, que informará das próximas estreas cinematográficas.

Por outra banda, a TVG emite esta noite un programa especial dedicado a Juan Pardo, emblemático cantante, produtor e autor de ducias de cancións que o converteron nun dos artistas galegos de máis éxito. A súa filla Lys Pardo, os Black Stones, a orquestra Poceiro, o coro Corda, Alberto Cunha, Noelia Rodríguez, Cristian Álvarez, Tania Veiras e Marcos Roca renderanlle unha homenaxe aos seus corenta anos de éxitos, superando o reto de cantar o mellor do repertorio de Juan Pardo.

Desde que comezou a tocar a guitarra en Ferrol sendo un rapaz, buscou o seu camiño na música en diferentes agrupacións, coma os Vándalos, os Pekenikes, Los Brincos ou o dúo Juan e Junior. Co tempo, pasou a ser só Juan Pardo, na súa esencia. Malia a ser pouco amigo de falar, o cantante fixo amizado con moitos compañeiros ao longo do camiño que hoxe falarán da grandeza persoal deste artista inimitable.

Juan Pardo, na actualidade

A súa filla Lys contará como viviu a familia ao longo dos anos a carreira musical de Juan e como vive el na actualidade, afastado dos escenarios. Explicará tamén as razóns polas que seu pai decidiu deixar de actuar, pero non de compoñer nin de producir. Bos amigos coma o cantante Emilio José e Nicole Sánchez, quen fora a súa noiva, falarán dos momentos que mellor definen a Juan Pardo, como persoa e como artista.