Esta semana Grandes Lugares achegarase ao lugar de Valdín, na Veiga, e a parroquia de Gondulfes, en Castrelo do Val. Valdín, no concello ourensán da Veiga, sito na serra que separa Zamora de Ourense, é coñecida por ser o teito de Galicia. Esta aldea situada a 1.150 metros é a de maior altitude da comunidade. O lugar é tamén o territorio con máis número de lagoas de España despois dos Perineos. Malia a altitude, nesta aldea hai unha boa calidade de vida. Un exemplo disto é Manolo, que pola mañá cedo vai cortar leña e ver as súas colmeas. Alí, os reporteiros buscarán cogomelos no primeiro coto micolóxico que se creou en Galicia e coñecerán a Alba, unha moza pastora.