Cunha traxectoria importante ás súas costas, Muxicas foron un referente de saber facer dentro da música tradicional do país, algo que quedou ben patente na súa discografía. Bo gusto e elegancia caracterizaron a esta banda, que naceu en 1978 co influxo do gran gaiteiro Nazario González, coñecido popularmente como Moxenas. Canda el formaron parte da primeira formación Manolo Rin-Rin, Liño Figueroa, Xosé Anxo e Xosé Manuel Fernández, quen co paso dos anos exerceu como o referente dos Muxicas.

Debutaron discograficamente como quinteto tradicional no ano 1982 co álbum Parolada e despois publicaron Muxicas en 1986. Os dous seguintes traballos apareceron tamén co selo Edigal. En 1988 veu a luz O demo Fungón e dous anos máis tarde editouse Desafinaturum, un título que daba para a reflexión de Fernández no libro Crónica do folk galego: "O disco é tamén un desafío para os que pensan que a música tradicional é boa cando está afinada; nós estamos en desacordo con esa valoración e pensamos que debe valorarse a súa calidade e non a súa afinación". Eses comentario non implica, nin moito menos, que os Muxicas non foran músicos coa suficiente calidade interpretativa.

Os catro discos que quedaban por vir graváronos para a discográfica Clave Records. Comezaron con eles en 1992 coa saída de Escoitando medra-la herba. Catro anos despois chegou o tempo de No colo do vento. En 1998 continuaron aumentado a súa produción discográfica con Naturalmente e un ano despois editouse 20 anos de camiño, título explícito para sabermos que era unha obra que recompilaba dúas décadas de traxectoria no mundo musical. Ao longo deses anos foron incorporando a novos músicos e significativo foi o engadido da parte vocal, cando deixaron de ser un quinteto tradicional, con María Xosé López. Outros artistas que pasaron por Muxicas foron Magoia Bodega, Xurxo Cabaleiro, Emilio Pichel e Diego García.