O programa Pescadores de Historias da Televisión de Galicia (TVG) recala hoxe no porto de Celeiro, en Viveiro, un lugar moi singular polas moitas toneladas de peixe que se moven nas súas lonxas, e por iso ten unha estrutura organizativa diferente.

A noite é especial nesta vila, xa que no seu porto as horas de maior actividade son nocturnas: chegan os barcos, descargan, organízase o peixe e fanse as poxas, e logo lévase o produto a moitos puntos de Europa. É un universo propio que hai que coñecer como o coñece José Manuel Míguez. Este é o seu hábitat, xa que traballa como "xefe de cancha", organizando todo o traballo nas diferente lonxas e na descarga dos barcos.

X.H. Rivadulla Corcón conversará co patrón dun palangreiro, Francisco López, que vai explicar cal é o seu traballo, que considera doado e que el realiza con moita satisfacción.

Por outra parte, no programa estará Eduardo Álvarez, que durante moitos anos foi contramestre e explicará o seu labor de organización dos traballos en cuberta, durante o largado do aparello e a súa recollida, e tamén estará Arantxa Toriza, unha rapaza nova que acaba de finalizar os estudos para patrón de altura, que contará como é o mar para unha muller e as dificultades que atopou para que confiaran nela e lle deran traballo no barco.

Por último, Manuel Luís Rodríguez vai cociñar a ben recoñecida pescada do pincho do Gran Sol, mar dos galegos, e falará da calidade deste peixe e da súa experiencia como cociñeiro en barco.

'Aquí hai praia'

Por outra banda, coa chegada do verán, volve á programación da TVG Aquí hai praia, que seguirá visitando os areais máis representativos de toda Galicia e coñecendo os veraneantes, as actividades que se poden realizar e as paisaxes costeiras de todo o país.

A praia de Riazor da Coruña é un dos areais de ámbito urbano máis frecuentados da cidade, pola súa situación ao pé do paseo marítimo, polo seu emprazamento céntrico e polo seu ambiente familiar e cómodo. Os seus asiduos destacan que é unha praia óptima para visitar durante todo o ano, así como para aproveitar a recibir os familiares que están fóra e practicar calquera tipo de deporte. Aquí hai praia coñecerá hoxe os incondicionais da zona dos "chalés" -chamada así popularmente-, que se reúnen todo o ano para xogar a súa tradicional partida de cartas.

E moitos emigrantes que volven á súa terra no verán no dubidarán en lembrar os fermosos tempos pasados que gozaron nesta senlleira praia da Coruña.