O alumnado de 11 centros con ciclos de FP da familia de Madeira, Moble e Cortiza, e das Escolas de Arte e Superior de Deseño de Galicia (EASD) creou 33 prototipos de cadeiras para a exposición mostra Artesáns da madeira. As novas xeracións que se puido visitar o mes pasado no Museo Centro Gaiás.O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou o talento que xa demostran as novas xeracións de técnicos e deseñadores nun dos sectores estratéxicos básicos de Galicia: o da madeira. Segundo Rodríguez, "as pezas realizadas por estes alumnos reflicten a calidade da formación que están a recibir nos centros", unha alta cualificación que fai merecentes a estes prototipos "de ser incorporados á oferta expositiva do Museo, que actúa a modo de lanzadeira", salientou. Neste contexto, fixo fincapé nos vínculos entre a FP -e, neste caso, os ciclos da familia da Madeira, Moble e Cortiza- coas necesidades dos sectores produtivos, como vía para incrementar a empregabilidade dos alumnos. Un total de 11 centros educativos participaron nesta exposición que buscaba dar a coñecer o futuro do deseño industrial e do moble no noso país: o CIFP Ferrolterra, o IES de Melide, o IES de Ortigueira, o CIFP Politécnico de Santiago, a EASD Mestre Mateo de Santiago, o CIFP Politécnico de Lugo, a EASD Antonio Faílde de Ourense, o IES Antón Losada Diéguez da Estrada, o CIFP A Xunqueira de Pontevedra, o IES de Salvaterra de Miño e o CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo.