A palabra de Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) e a música, tan presente tamén na súa vida e na súa obra, brillaron onte na Real Academia Galega (RAG) na homenaxe que a institución organizou para lle render tributo á escritora co gallo do seu 95 aniversario. A decana dos poetas galegos en activo, que leva oito décadas creando versos, ingresou en 1950 na RAG como correspondente e é desde 1996 membro de número.

"Autenticidade, elegancia e beleza" foron as tres palabras escollidas polo presidente da institución, Víctor F. Freixanes, para retratala na apertura do acto. Autenticidade, dixo, "polo que conta" na súa poesía, capaz de reflectir os sentimentos que explican a condición do ser humano; elegancia, física e mental, porque Luz Pozo Garza é unha muller intelixente coa que se pode contar, que sabe escoitar aos demais e que o futuro se constrúe entre todos; e beleza pola súa capacidade de expresión e comunicación, que a fai quen de "poñer todo en fermosas palabras nas que ás veces un verso explica o mundo".

Luz Pozo Garza pertence á chamada Promoción de Enlace entre a xeración do 36 e os poetas da primeira posguerra. Empezou a publicar poemas sendo aínda moi nova, en Las Riberas de Eo, e en 1949 publicou o seu primeiro libro, Ánfora. Tres anos despois, en 1952, saíu do prelo o primeiro escrito en galego, O paxaro na boca, cun erotismo feminino inédito na escena galega do momento e co que colleitou de novo excelentes críticas. Instalada definitivamente na lingua do país desde mediados dos 70, o seu último libro ata o momento é Rosa tántrica (2016) e segue a traballar nun novo título, Pazo de Tor. Ademais dos dezaseis poemarios que leva publicados (unha ducia en galego, un bilingüe e catro en castelán), cómpre destacar o seu labor como impulsora da poesía creando e dirixindo as revistas Nordés e Clave Orión, a súa importante achega crítica, que inclúe os libros que dedicou a Luís Pimentel e Álvaro Cunqueiro, e o seu maxisterio como catedrática de literatura no ensino secundario.

O serán de onte avanzou co recitado de dez poemas da homenaxeada na voz doutros tantos poetas de distintas xeracións que explicaron o porqué das súas escollas e o significado persoal da obra de Luz Pozo Garza. Os compañeiros da Academia Marilar Aleixandre, Xosé Luís Franco Grande, Salvador García-Bodaño e Manuel Rivas, quen foi tamén alumno dela nas clases de literatura do instituto Monelos da Coruña; Xosé María Álvarez Cáccamo e Pilar Pallarés, novos poetas cando publicaron en Nordés; Eva Veiga e Olga Patiño, que se visibilizaron como poetas ao tempo que tomou o relevo do facho poético outra xeración, e Yolanda Castaño e Olga Novo, parte desas novas voces que emerxeron a mediados dos anos 90, fiaron así versos de Concerto de outono (1981), Prometo a flor de loto (1992), As arpas de Iwerddon (2004) e Rosa tántrica (2016) xunto a un poema inédito (elixido por Salvador García-Bodaño). Todos estes textos e os seus comentarios aparecen recollidos no volume editado pola RAG co gallo do 95 aniversario de Luz Pozo Garza, Un pozo de luz, coordinado pola académica correspondente Olivia Rodríguez, quen conduciu o acto.

Xesús Alonso Montero definiu a Luz Pozo Garza como unha "poeta do amor con maiúsculas". "Na súa extensa e dilatada obra poética, Luz constrúe, esencialmente, un peculiar universo amoroso que, dun xeito ou doutro, sempre ten que ver con ela ou sempre abrolla das súas experiencias, ensoñacións ou lembranzas amorosas", salientou o académico.Para Claudio Rodríguez Fer, se por algo se caracteriza a poesía de Luz Pozo Garza é pola "luminosidade carnal e espiritual dunha poeta metade erótica e metade mística". A súa é "unha poética simbolista da totalidade", engadiu.