A Televisión de Galicia (TVG) emite hoxe unha gala especial coincidindo co 25 de xullo, Día de Galicia, que terá como mestre de cerimonias ó presentador Xosé Ramón Gayoso, acompañado pola actriz Lucía Regueiro, a xornalista Lucía Rodríguez e a cantante e humorista Eva Iglesias. Catro rostros coñecidos da canle pública que se encargarán de conducir un evento que reúne no escenario unha vintena de grandes artistas.

O programa contará con duetos musicais únicos. É o caso de Carlos Núñez, un dos mellores gaiteiros do mundo, que acompañará no escenario o músico Rodrigo Romaní, fundador do mítico grupo Milladoiro, e a Sondeseu, a primeira orquestra de música folk e tradicional de Galicia, que tamén sorprenderá con temas propios. O vigués, considerado un erudito da música celta, tamén interpretará un tema xunto ao canadense Jon Pilatzke, violinista titular do grupo The Chieftains. Por outra parte, a cantante e violonchelista Rosa Cedrón compartirá escenario coa gaiteira Cristina Pato e a cantante Carol.

A gala tamén contará con artistas como Pablo Milanés, cantautor cubano ligado a Galicia; Marta Sánchez, unha das galegas máis internacionais, e o presentador e cantante Xosé Manuel Piñeiro. Ademais, haberá grandes actuacións da man do grupo de baile tradicional Nova Galega de Danza, as pandeireteiras de Xestreu, a agrupación musical De Pé Feito, o grupo Os Da Porfía, o dúo Primordiais, o músico Cristian Silva e os dúos Hugo Torreiro-Carlos Bau e Adhara-Ritman.