O programa da TVG Pescadores de Historias, que capitanea X. H. Rivadulla Corcón, falará hoxe das vacas de Muros, barcos de arrastre de litoral, que traballan cunha rede de grandes dimensións da que tira o barco para atrapar o peixe. Neste porto teñen base dez vacas, e nunha vaca poden traballan ata doce mariñeiros. Tamén son moi importantes os redeiros que constrúen e reparan as redes destes barcos.

En Muros, arredor das vacas, existe unha cultura propia, baseada no propio traballo a bordo e os oficios que xeran en terra. Un patrón experimentado mandando vacas é Manuel Caamaño, xa retirado, que estivo corenta anos traballando nas vacas de Muros, a maioría deses anos como patrón de pesca. Esta tarde falará do traballo dos patróns, un labor que forxa a personalidade dos superiores, da importancia das vacas para Muros e a súa cultura mariñeira. Outro convidado do programa é Luís Martinez Pitís, o taberneiro que máis sabe da historia das vacas.

O equipo do programa conversará amais con Javier Fernández, que ata as redes do arrastre. Leva máis de trinta anos exercendo este oficio e contará porque a forma de atar unha rede do arrastre inflúe moito en que o barco pesque máis ou menos. Tamén José Antonio Lestón Toto, o encargado das poxas do peixe do arrastre na lonxa de Muros, participará hoxe en Pescado res de Historias. É importante coñecer ben aos compradores para saber como levar a poxa e conseguir os mellores prezos para os mariñeiros, pois o poxador de quen realmente vive é do mariñeiro.

Por último, o programa contará coas intervencións de Mari Carmen Lestón, que vende o peixe polas parroquias de Muros, e Felipe Estévez, o cociñeiro da taberna de Luís Martinez Pitís, que andou moito tempo traballando na pesca.

'Aquí hai praia'

Comeza unha nova edición de Aquí hai praia desde unha das praias máis recoñecidas non só polos galegos, senón incluso a nivel internacional, como é a de Bastiagueiro, en Oleiros. Ideal para a práctica do surf e, ao ser rectilínea e con ventosidade moderada, atópase nun ámbito semiurbano.