O polbo é sen dúbida un dos animais tótem para as xentes mariñas de Galicia. E o porto de Camariñas destaca polo volume de polbo que se captura ao ano, que pode estar arredor de 150 toneladas, pola súa calidade e tamén pola enorme arte das xentes da localidade na súa elaboración.

O programa Pescadores de historias descubrirá a importancia do polbo para este porto da man da patroa maior Lola Bermúdez, quen explicará que se trata dun dos recursos máis importantes para a Confraría de Camariñas, conxuntamente co marisqueo e as capturas dos barcos do cerco.

Ademais, o espazo da TVG sairá capturar o polbo con Daniel Lista, un entusiasta do seu oficio, que falará do duro que é manterse a "flote" traballando no mar, e asistirá a unha poxa na lonxa da man de Roberto Mas.

Por outro lado, o matrimonio formado por Jaki Lista e Tono Pasantes explicarán por que é tan bo o polbo de Camariñas, cuxa ría é idónea para a súa calidade, e os espectadores coñecerán a Paco Gallego, que vende polbo conxelado para toda España. Por último, como non podía ser doutro xeito, Pescadores de historias cociñará, coa axuda de Lola Barreiro, o produto protagonista de hoxe.