A escritora e poeta Xohana Torres, nacida en Santiago de Compostela en 1931, finou onte en Vigo aos 85 anos. A súa é unha das voces máis destacadas das letras galegas contemporáneas que medraron na posguerra, cuxa obra abrangue a poesía, a narrativa, o teatro o ensaio e a literatura infantil. A autora contribuíu co seu labor como escritora, mais tamén outros espazos como o radiofónico, á reconstrución cultural de Galicia e á defensa da súa lingua. Xohana Torres naceu en Compostela o 22 de novembro de 1931 e criouse en Ferrol, onde estaba destinado como mariño o seu pai, pero as súas raiceiras están tamén nas terras do Avia, onde a súa avoa materna, Lola, lle aprendeu a fala galega máis íntima e a cultura popular. A ela está dedicado o derradeiro libro de Xohana Torres, Elexía a Lola (2016), unha versión ampliada da homenaxe que xa lle rendera en Estación ao mar (1980).

A edición inclúe un anaco de Eu tamén navegar, o discurso co que Xohana Torres ingresou na Real Academia Galega como académica no ano 2001, cando entrou a proposta de Xosé Luís Méndez Ferrín e Salvador García-Bodaño. Esa frase está presente nos seus derradeiros momentos, converténdose no hashstag na súa honra nas redes sociais. "Tamén era unha filla do mar", destacou onte Xosé Luis Méndez Ferrín sobre a relación da autora coa navegación.

A vocación literaria de Xohana Torres manifestouse cedo. Animada por Ricardo Carballo Calero, o seu profesor de Historia e Literatura no Bacharelato, publicou en 1953 un dos seus poemas, Nai, na revista Aturuxo, recollido no seu primeiro libro. En 1955 recibiu o primeiro premio de poesía da Asociación da Prensa de Vigo, que compartiu con Celso Emilio Ferreiro, polo poema, A nosa primavera: toxos, e en 1957 publicou o seu primeiro libro, Do sulco (1957), que inaugurou a colección de poesía Illa Nova de Galaxia, creada para acubillar as novas voces das letras galegas. Ese mesmo ano, estudiou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, onde intensificou o seu apego pola lingua.

Na súa obra teatral, estivo vinculada ao grupo Teatro Estudio, para o que escribiu Un hotel de primeira sobre o río co que conseguiu o Premio Castelao de Teatro galego en 1966. Como dramaturga, cómpre salientar as súas contribucións ao teatro da posguerra con A outra banda do Iberr (1965). E como poeta pertenceu á xeración das Festas Minervais e publicou tamén Estación ao mar (1980), Tempo de ría (1992) e Poesías reunidas (1957-2001), así como Elexía a Lola (2016). Asinou tamén a novela Adiós, María (1971), Premio Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, e, xa no eido da literatura infantil, Polo mar van as sardiñas (1968) e Pericles e a balea(1984), segundo a lembranza biográfica que fai da autora a propia institución académica.