O fotógrafo Xoán Crespo é o gañador da XIII edición do Premio Luís Ksado de fotografía da área de Cultura da Deputación da Coruña coa súa serie Mascaritas. Entroido solitario.

Na resolución do certame, o xurado destaca como principais valores da colección de Crespo "a súa visión do tema desde un punto de vista orixinal a través dunha variedade de personaxes e cunha atmosfera particular que consegue por medio dos propios retratos". A colección supón, segundo o xurado, "unha visión única e diferente dun tema que foi moi visitado por medio da fotografía pero cunha óptica particular e distinta".

Xoán Crespo (Pontevedra, 1967) traballa como fotoxornalista na Xunta desde 1992. Estudou fotografía no Institut d´Estudis Fotogràfics de Catalunya. Do seu traballo destaca que se centra, "preferentemente, nas persoas, as relación co seu entorno e a identidade".