A partir da próxima semana, e co obxectivo de seguir sendo "líderes para os galegos", a Televisión de Galicia (TVG) propón unha grella con novos contidos, coa chegada da serie Virandeira e de formatos como Quérote tanto, que axudará os seus protagonistas a expresar as súas emocións e o seu amor por alguén, organizando unha verdadeira homenaxe.

Presentado por Lucía Pérez e a actriz Arantxa Treus, os protagonistas desta nova proposta da TVG para os luns á noite serán persoas anónimas con historias vitalistas e cheas de emoción polas que levarán unha homenaxe sincera e emotiva.

Cada semana, Lucía Pérez percorrerá Galicia para presentarlles aos espectadores galegos unha historia tenra, vitalista e, sobre todo, optimista, que terá tras de si unha personaxe única e ben querida pola súa contorna de amigos, familiares ou compañeiros máis próximos.

Serán os membros da contorna máis próxima do homenaxeado os que se converterán nos "ganchos" do programa. A través destes cómplices, os espectadores coñecerán as vidas e as historias dos protagonistas, un retrato inicial que servirá para pór en marcha todo o equipo de Quérote tanto e poder realizar a merecida sorpresa.

Por outro lado, en cada entrega do programa, os espectadores da TVG verán outras historias en O Recuncho de Quérote tanto, unha sección independente da homenaxe principal, pero apoiada no mesmo universo de sentimentos do resto do programa. Serán pequenas historias de amor ou amizade localizadas nun bar cheo de cámaras ocultas. Arantxa Treus fará de "fada madriña" para que se leven a cabo estas declaracións de sentimentos cara alguén.

Un dos maiores atractivos do programa serán as cámaras ocultas que se farán aos protagonistas de cada entrega. Deste xeito, Quérote tanto pretende fomentar no espectador o suspense e a tensión.