A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sacou a convocatoria de axudas para o inicio de estudos universitarios no curso académico 2017/18 nas universidades do sistema universitario de Galicia, ás que se destinan 200.000 euros. Estas bolsas teñen como obxectivo cubrir o importe da matrícula do alumnado que inicie a educación superior e que acceda a ela cunha nota media igual ou superior a 5 puntos e inferior a 5,5 puntos; que non poden obter as axudas do Ministerio de Educación. Os interesados dispoñen ata o vindeiro martes para solicitar as axudas, que se deberán tramitar por vía electrónica na sede https://sede.xunta.es.

O importe das axudas para cada beneficiario vai desde os 862,9 euros para as titulacións encadradas dentro da rama de Ciencias, Ciencias da Saúde e Enxeñaría e Arquitectura e dun máximo de 618,1 euros para as da rama de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas.

Os aspirantes a estas axudas deberán estar matriculados por primeira vez en primeiro curso nunha universidade do sistema universitario galego dun mínimo de 60 créditos en ensinanzas conducentes á obtención dun título oficial de grao; e non estaren en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior.

No curso 2016/17recibiron estas bolsas un total de 99 estudantes. Ademais, a Consellería convocará tamén as axudas para a continuación de estudos no SUG, das que no ano académico anterior se beneficiaron 170 alumnos.