O Dicionario da Real Academia Galega (RAG) é cada vez máis unha ferramenta cotiá indispensable da lingua galega. O traballo de actualización permanente e as novas vías abertas para favorecer a interacción cos usuarios e usuarias, desenvolvidas co apoio da Fundación Barrié, quedan reflectidas no notable incremento das consultas recibidas nos últimos meses ata achegarse ás 55.000 consultas diarias.

Estes días superou a cifra dos 15 millóns de buscas rexistradas desde o 1 de xaneiro de 2017 a través da páxina web da Academia e do Portal das Palabras, mellorando así, cando aínda faltan dous meses para que remate o ano, os 14,4 millóns de consultas coas que pechou 2016. A esta cifra hai que sumarlle unas 1,6 millóns de visualizacións -máis do dobre que en todo 2016- das aplicacións do Dicionario para Android e iOS, que suman case 70.000 descargas.