A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar na súa web a resolución (aínda provisional) da convocatoria do novo programa de innovación educativa polo que se introduce a robótica en Educación Primaria. En concreto, esta iniciativa beneficiará a máis de 10.000 alumnos de 108 centros, que traballarán con kits de robótica durante este curso 2017/18. O obxectivo é favorecer a iniciación do alumnado, xa desde idades temperáns, na experiencia de programación básica, robótica e construción. Por provincias, 41 centros pertencen á Coruña, 10 a Lugo, 8 a Ourense e 49 a Pontevedra. Nesta primeira introdución da Robótica a Primaria hai 300 docentes implicados. A resolución pode consultarse no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/23301. O material estará conformado por seis robots de uso educativo adecuados ás idades do alumnado; seis kits de construción, que permitirán a realización dun mínimo de cinco proxectos; así como un manual de uso e guía didáctica.

Cada centro pode integrar a robótica de diversas maneiras: mediante unha materia de libre configuración de centro, dentro das materias de forma transversal, a través de programas de innovación educativa da Consellería ou mediante obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo. A iniciativa vai dirixida a alumnado que curse 4º, 5º ou 6º de Primaria durante este curso, que ademais de adquirir nocións básicas sobre robótica e programación, tamén traballará as áreas denominadas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).