O programa da Televisión de Galicia (TVG) Pescadores de Historias achégase hoxe ata Vilaboa, que é a confraría de máis recente creación de Galicia: naceu en 2012, pero a súa actividade pesqueira e marisqueira xa vén de moito tempo atrás. A actividade mariñeira desenvólvese no porto de Santa Cristina de Cobres, fronte á Illa de San Simón, na ría de Vigo.

Na zona marisqueira de Deilán traballa a patroa maior Mari Carmen Cortegoso, que leva no cargo só tres anos. X. H. Rivadulla Corcón tamén falará cunha das mariscadoras máis veteranas, Mari Luz Fernández, que comezou con nove anos indo a axudar a súa nai no marisqueo, logo traballou nunha depuradora de marisco e como bateeira, pero dende hai 30 anos traballa exclusivamenteno marisqueo a pé.

Esta é unha confraría onde se está producindo a remuda xeracional, entrando xente nova a traballar. Un dos novos mariscadores que hai pouco que empezaron é Cristian Casal, que ten 25 anos e leva só dous no marisqueo, pero xa parece un experimentado no seu labor. Nesta xeración tamén se encontran Ángela Neira e o seu home José Poceiro, un matrimonio novo que leva pouco no oficio do marisqueo a flote. José dedicase en exclusiva pero Ángela compaxínao, de momento, co traballo de auxiliar de enfermería.

O programa tamén conversará co mariñeiro José González, que andou na pesca de altura e na mercante. Agora está xubilado, pero como a súa paixón é o mar, axuda na confraría en todo o que pode e, pola súa experiencia, é un grande apoio para a patroa maior. Para xantar, o equipo irá con Chelo Blanco, que, despois de mariscar, prestarase a facer unha empanada de berberechos. Dedícase ao marisqueo desde hai dez anos, polas mañás vai traballar á zona marisqueira e cando remata incorpórase ao seu restaurante Consustancia, que abriu hai un ano.