A Biblioteca de Galicia celebra o Día da Ilustración Día da Ilustracióncunha exposición dedicada ao artista Camilo Díaz Baliño, protagonista desta data que promove a Consellería de Cultura e Educación. Camilo Díaz Baliño, a xenialidade truncada é o título da mostra, que foi inaugurada onte na Cidade da Cultura polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; por Camilo Díaz Arias de Castro, neto do artista; e por Alberto Guitián, membro da directiva da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).

Conformada por 54 pezas, todas elas custodiadas na Biblioteca de Galicia, e comisariada por Daniel Buján e Elena Díaz, a mostra percorre a traxectoria de Díaz Baliño, na que destacan as súas facetas de escenógrafo, de pintor e de ilustrador de publicacións periódicas e de libros, moitos deles impulsados ao abeiro das Irmandades da Fala, organización na que ingresa en 1918.

"Da man das Irmandades da Fala artéllase todo un movemento político e cultural como expresión clarísima dunha estética galega, aínda que aberta ao resto de Europa. Deste movemento participan relevantes artistas, como o propio Castelao ou Camilo Díaz Baliño, a quen lle dedicamos o Día da Ilustración este ano", destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

"Nesta mostra destacan as capas que deseñou para a colección de novela da editorial Lar, que tivo un papel relevante na extensión da lingua galega á poesía. Camilo Díaz móstrase tamén como colaborador necesario na extensión do galego a novos ámbitos e espazos co seu labor como escenógrafo para a Coral de Ruada ou para O Mariscal de Cabanillas e de Vilar Ponte, que tamén se documenta nesta mostra. A xenialidade truncada de Díaz Baliño é a expresión do progreso truncado da lingua e da cultura galegas por mor da guerra", concluiu.

Nado en Ferrol en 1889, Camilo Díaz Baliño foi pintor, ilustrador, escenógrafo e pioneiro galego do deseño. Estuda na Escola de Artes e Oficios da Coruña. Logo de traballar en varios puntos de España como escenógrafo, traballa co empresario Isaac Fraga, o que o anima a trasladarse a Compostela en 1920. Salvo períodos concretos a capital galega converterase no novo fogar de Díaz Baliño, e alí será onde o sorprenderá o levantamento militar. Na capital galega exercerá como director artístico do Concello de Santiago, dende 1924 ata a data do seu fusilamento. Froito deste labor, realiza varios carteis, sobre todo para as festas compostelás, e promove iniciativas artísticas como as carrozas que deseña, en fermosos debuxos que aínda se conservan, arredor da gran cabalgata histórico-descritiva de Galicia.

A partir dos anos vinte, Díaz Baliño pode considerarse xa o principal escenógrafo do país. Un dos seus labores máis representativos neste ámbito é o que fai para a coral polifónica de Ruada, da que é, director artístico. Ademais das escenografía para esta coral, Díaz Baliño traballa en numerosos proxectos como a ambientación e a decoración de obras de Linares Rivas, como Mal año de lobos, de Cotarelo Valledor; Lubicán e Trebón, de Ramón Fernández Mato; e doutros autores, como Julio J. Casal, de quen fai El monte de las ánimas. Realiza tamén a escenografía da obra O Mariscal, de Cabanillas e de Antón Vilar Ponte, e mesmo colabora con Castelao na obra, tamén de Cabanillas, A man de santiña.

A exposición Camilo Díaz Baliño: a xenialidade truncada enmárcase no programa de actividades impulsado pola Secretaría Xeral de Cultura para conmemorar o Día da Ilustración en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. Ademais da iniciativas organizadas polas bibliotecas de xestión autonómica, destaca este ano a posta en marcha da web do Día da Ilustración, http://www.diadailustracion.gal/, onde están accesibles os principais recursos vinculados coa data como o cartel desta edición, realizado por Minia Regos, e o vídeo dedicado a Camilo Díaz Baliño.