A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) concédelle este ano a Rosa Álvarez o Premio de Honra Marisa Soto, galardón que recoñece a longa traxectoria desta actriz e directora teatral, auténtica pioneira do teatro profesional galego. O premio será entregado durante a gala dos XXII Premios María Casares, que se celebrará o vindeiro mércores 21 de marzo. Deste xeito, Rosa Álvarez únese á nómina de profesionais, entidades e colectivos teatrais que recibiron o citado premio dende a súa creación en 1997. Nesta lista de ilustres homenaxeados atópanse, entre outros, Maruxa Villanueva, Ana Romaní, Manuel Lourenzo, a Sala Nasa, Vicente Montoto, Eduardo Alonso ou a Erreguete (Revista Galega de Teatro).

A directiva da AAAG, responsable de outorgar este galardón, recoñece así o labor de Rosa Álvarez ao longo dunha carreira profesional na que desempeñou principalmente os oficios de actriz e directora teatral. A Xunta Directiva, ademais, concédelle o Marisa Soto neste 2018, ano no que se cumpre o corenta aniversario das primeiras funcións profesionais do noso teatro. Sen persoas dedicadas como Álvarez, a profesionalización do sector non tería chegado a ser realidade. "O noso teatro precisou, precisa e seguirá a precisar persoas como a nosa compañeira Rosa, quen sempre abriu camiños dende o seu papel de pioneira, dende o espertar en Ribadavia até a creación de compañías como Malbarate ou Lagarta Lagarta, pasando pola fundación da nosa propia Asociación, da que ostenta o número 1 de asociada", sinalou a Xunta Directiva.