Levándolle a contraria ao resto do mundo, Cambre celebra hoxe o día grande do seu Entroido Pequeno. Por este motivo, a Televisión de Galicia (TVG) emite desde esta localidade coruñesa o Aquí Galicia deste sábado.

Os contidos musicais serán, coma sempre, parte fundamental do programa. Susana Seivane, unha das gaiteiras galegas máis internacionais, será profeta na súa terra actuando no programa de hoxe, posto que reside na parroquia de Pravío, en Cambre. Tamén estarán Los Satélites, unha das orquestras galegas con máis historia, e o grupo de música tradicional Os Larpeiros de Altamira. Seguindo coa troula do Entroido, o grupo de baile tradicional Garrulaxe vai interpretar un baile tradicional completamente disfrazados.

Con respecto á gastronomía, cociñaranse doces tradicionais de Cambre, coma a torta larpeira, e produtos artesanais da zona, entre os que se atopan o mel ou incluso o xabrón.

Ademais, no programa farase un percorrido polos lugares máis destacados da localidade cambresa, entre os que se poden atopar a igrexa de Santa María de Cambre. Tamén se descubrirá o encoro ou a fraga de Cecebre, que foi o escenario no que transcorre O bosque animado. No programa tamén haberá espazo para ensinar a plantación de kiwis máis grande de Galicia, cultivo do que Cambre é pioneira, ou de falar con algún dos deportistas máis destacados da zona, coma a campioa olímpica en vela Sofía Toro.