Neste Domingo de Piñata, o programa A Revista Fin de Semana achegarase ata a localidade ourensá do Carballiño, que lle pon fin a nove días de Entroido coa Festa da Cachucha. Nesta XXIV edición, os actos comezarán co Desfile de Folións e Comparsas, a cargo de varias formacións, que dará paso ao gran xantar popular da cachucha e o cocido nos establecementos hoteleiros da vila.

De volta no estudio de gravación, María Solar recibirá a visita do arquitecto, navegante e aventureiro coruñés Jorge Pena, que acaba de converterse no primeiro español en culminar con éxito a Talisker Whisky Atlantic Challenge, unha das probas máis duras do mundo, consistente en cruzar o océano Atlántico a remo. Tras case dous meses remando en solitario, debido ao abandono do seu compañeiro, o pasado día 11 rematou a fazaña.