A Academia Galega do Audiovisual (AGA) decidiu homenaxear co Premio de Honra Fernando Rey de 2018 á actriz galega María Bouzas. Co galardón, a AGA quere "recoñecer de parte do sector a traxectoria dunha compañeira que é referencia ineludible para a televisión, o teatro e o cinema en Galicia". O Premio súmase a dous María Casares, cinco Mestre Mateo e un Premio da Cultura Galega, que subliñan a relevancia da carreira da homenaxeada.

Pese a ser natural de Mugardos, María Bouzas criouse, como tantas galegas e galegos, en Suiza. Logo de estudar Maxisterio e Arte Dramático, o seu primeiro traballo artístico foi en 1987 da man de Mario Gas, que dirixiu O mozo que chegou de lonxe para o Centro Dramático Galego. Dende aquel entón non deixou de pisar os escenarios, dirixida por figuras da importancia de Roberto Vidal Bolaño ou Manolo Lourenzo, e chegando a fundar con María Pujalte a súa propia compañía, retranqueiramente chamada Compañía de Marías.

Alén do seu éxito no teatro, foi na pequena pantalla onde a actriz mugardesa interpretou os seus papeis máis populares, como a Charo de Pratos combinados, a Carmela de Terra de Miranda ou a malvada Dona Francisca de El secreto de Puente Viejo, papel que encarna dende 2011 na lonxeva telenovela. Asimesmo, no cinema amosou a súa versatilidade traballando en multitude de roles ás ordes de cineastas como Patricia Ferreira, Gerardo Herrero ou Luís Avilés.

María Bouzas, que foi presidenta da Academia Galega do Audiovisual entre 2006 e 2009, recibirá o Premio Fernando Rey durante a Gala dos Mestre Mateo, que terá lugar no Pazo da Ópera da Coruña o sábado 3 de marzo.