23 de febrero de 2018
23.02.2018

XVII Premios Opinión da Música de Raíz: Discos con propostas moi variadas

Consulta os finalistas dos XVII Premios Opinión da Música de Raíz

23.02.2018 | 02:07

Ocorre dende hai xa varios anos que as propostas musicais que se poden escoitar na música de raíz galega resultan do máis variadas. Iso non fai máis que enriquecer ao sector e fai que a audiencia deste estilo musical poida abranguer a un maior número de persoas. O abano de finalistas elixidos polo xurado para esta edicións dos galardóns amosa esa riqueza, posto que as propostas musicais representadas son bastante diferentes. Os discos reflicten sensibilidades do máis variadas e son unha proba de que a música de raíz evolucionou moito neste século e pode abordarse dende moitos ángulos estéticos

Dous discos destacan entre os elixidos para a fase final dos Premios Opinión por ser quen de facer pleno e aparecer como finalistas nas tres categorías premiables nos galardóns creados por este xornal.

A carreira de Uxía é de longa traxectoria. É unha muller ben coñecida na música galega polo seu labor e nesta ocasión editou un álbum, titulado Uxia-o, no que o seu xermolo provén das poesías de Uxío Novoneyra. As palabras do escritor foron a súa inspiración para crear, canda ao brasilego Sérgio Tannus, as cancións do disco. Un par delas xa foran rexistradas en anteriores traballos da cantante, polo que a súa admiración polos poemas do literato vén de lonxe. Escolleu o que semellaba máis axeitado para musicar e coa idea de dotar de contemporaneidade aos versos, fundamentalmente da obra Os Eidos, foi creando as cancións que forman o seu traballo, entre as que Fiandeira opta a vencer no apartado de mellor tema orixinal.

A viaxe de Yoyo é o terceiro traballo discográfico de Dous, o dúo formado polo clarinetista Fernando Abreu e o guitarrista Pablo Carrera. Debutaron en 2008 e o seu anterior álbum fora publicado en 2012. O Yoyo protagonista é un rato que decide abandonar o seu tobo e viaxar polo mundo e iso é o que fixeron musicalmente os artistas, ao realizar un disco que bebe de diferentes fontes, mais tendo sempre presente o seu concepto estético, onde esas chamadas músicas do mundo teñen a súa presenza no álbum. Unha mostra da súa viaxe sonora é Manani, a bonita peza que se colou entre as finalistas.

OS DEBUTANTES

Que aparezan novos nomes entre os elixidos nas tres categorías que se outorgan sempre é un bo sinal de que existen propostas que insuflan nova enerxía ao panorama musical galego.

Tardou moitos anos Álvaro Iglesias en decidir dar o paso a solista. Fíxoo co seu disco Alma e o contrabaixista acada unha candidatura como mellor artista por desenvolver esa obra, na que deixa a súa pegada como compositor.

O finado gaiteiro Antón Varela tampouco dera o paso para editar un disco como solista ata o ano pasado e o triste é que xa non poderá facelo novamente. Despois da súa morte, ese Catalogo de Sons, no que contou coa colaboración nos instrumentos de corda de Carlos Beceiro, ficará como o seu legado musical. No traballo incluíu algunha composición que xa tocara co grupos Os Cempés, a banda que o deu a coñecer popularmente, e acompañou o repertorio de pezas tradicionais que lle gustaban moito.

Os grupos que aparecen entre as propostas finalistas son formacións que comezaron a dar recentemente os seus primeiros pasos e aparecer na lista pode supoñerlles un reforzo anímico. Os herculinos Samarúas tiñan máis complicado lograr meter a algún dos seus compoñentes na categoría de mellor artista, capitalizada por solistas e dúos, polo que os seus dous nomeamentos son un logro importante para unha formación que comeza con ilusión e tenta ocupar o seu espazo no panorama musical galego. Beben de conceptos modernos e mesturan pezas instrumentais e cantadas, entre as que lograron meter o tema Non no cuarteto de elixidas. Contar cunha boa cantante (Tania Caamaño) axúdaos a que as cancións saian ben libradas. Niso aseméllanse a eles a Banda da Loba, xa que tamén teñen unha boa voz ao fronte, a de Xiana Lastra. A peza coa que conseguen ser finalistas é a que dá título ao álbum ( Bailando as rúas). Falamos dun grupo composto por mulleres, ecléctico na estética musical, no que o violín fai que haxa ancoraxe nas músicas de raíz.

Na lista de discos finalistas aparece Celtis Australis, de Pancho Álvarez. Antigo violinista de Na Lúa, este músico especializado en instrumentos de corda segue paseniño a súa carreira en solitario.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
En estas fiestas, sobran los motivos para beber elaboraciones de vino gallego. En 2018, Galicia firmó la segunda mejor cosecha de su historiay nuestras bodegas despiden el año con un buen balance en todos los sectores 

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario


Neomotor

Toda la información sobre el mundo del motor

Conoce las últimas tendencias y las novedades en coches, motos y la industria automovilística.