Doutora en Informática e profesora interina na Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña (UDC), Luz Castro Pena (Ferrol, 1972) é, ademais, socia fundadora de Imaxinsoftware, onde dirixe a área de desenvolvemento de xogos educativos e produtos multimedia. Con quince anos de experiencia no sector TIC, participa en asociacións empresariais e traballa por visibilizar ás mulleres nun eido tan masculino. En 2012, recibiu o Premio Ada Byron pola súa intensa traxectoria profesional e a súa implicación en defensa da Enxeñería en Informática. "Unha das vantaxes de ser poucas é que destacamos", comenta, con ironía. O vindeiro 6 de marzo estará no eWoman eWoman para compartir a súa experiencia e defender que "o camiño para acadar a igualdade entre mulleres e homes pasa pola educación".

- Que lle parece que se organicen encontros como eWoman? Cre que son necesarios e que mensaxe espera transmitir aos asistentes a esa xornada?

-Parécenme moi ben todas as iniciativas que están a xurdir para tentar dar visibilidade ás mulleres en contornas masculinizadas, creo que son moi necesarias. As nenas e rapazas precisan ter exemplos e referentes, temos que rematar co falso mito de que as tecnoloxías son cousa de homes. E creo que tamén é importante incluír mulleres en todos os eventos empresariais, porque ás xornadas de mulleres só asisten mulleres, e é imprescindible, se queremos acadar a igualdade real, que os homes nos escoiten, que saiban que temos cousas interesantes que contar. O que quero transmitir ás persoas que asistan ao evento son as miñas ideas sobre estes temas, principalmente que o camiño para acadar esa igualdade pasa pola educación.

- É membro da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-Gal). Cales son os principais obxectivos desa organización?

-AMIT-Gal, creada en 2015, é a sección galega de AMIT, asociación que naceu en 2002 para defender os intereses e igualdade de dereitos e oportunidades das investigadoras e tecnólogas españolas. Os principais obxectivos da asociación son promover a igualdade entre mulleres e homes no acceso á actividade investigadora en todos os ámbitos científicos, tecnolóxicos e das humanidades; sensibilizar á nosa contorna e á sociedade en xeral sobre situacións de discriminación e os mecanismos que levan a ela; conseguir a igualdade de oportunidades ao longo da carreira para as mulleres investigadoras e tecnólogas nos ámbitos público e privado; elaborar recomendacións e colaborar con outras organizacións europeas e internacionais para facilitar o avance das mulleres en Ciencia; e visibilizar ás científicas e os resultados dos seus traballos. En xeral, promover o cumprimento das recomendacións da Comisión Europea (CE) para lograr a equidade de xénero e as normativas españolas recollidas na Lei Orgánica para a Igualdade efectiva entre Mulleres e Homes e o desenvolvemento do referente a xénero incluído na Lei da Ciencia.

- En Galicia, só o 24,5% do tot al de alumnos matriculados en titulacións técnicas son mulleres. No caso de titulacións concretas como Enxeñería Informática, o dato aínda é máis alarmante: só un 12%. A que atribúe estas cifras?

-Estas cifras, dramáticas, son debidas a varios factores: por unha banda, as enxeñerías seguen a ser vistas como carreiras para homes, e como exemplo, citar a caída da matrícula feminina na nosa universidade cando cambiou o título de Licenciatura a Enxeñería en Informática; por outra banda, a informática vese desde fóra como unha carreira de frikis, e isto, ademais de non ser verdade, alonxa ás rapazas.

- Como se poden achegar as TIC ás mozas para inspirar vocacións?

-Esa é a pregunta do millón! E tampouco ten unha resposta única. Temos que achegarnos ás nenas antes de que perdan o interese pola tecnoloxía, as iniciativas de achegamento da programación e a robótica ás escolas seguro que darán os seus froitos. Tamén debemos dar a coñecer exemplos de mulleres tecnológas e cientifícas, os seus traballos e investigacións, para que podan servir de referente, e temos que conseguir explicar as utilidades sociais da informática, que deixe de verse como algo de frikis ou hackers, e mostrar o seu potencial para solucionar problemas, para formentar a creatividade, etc. Unha boa serie de ficción, ambientada no sector, con personaxes femininas interesantes, tamén axudaría.

- Cal é a clave para destacar nun sector profesional tradicionalmente masculino?

-Como en calquera outro ámbito, se unha muller destaca é porque é boa profesional, porque traballa máis é máis duramente que os homes para tentar acadar o mesmo recoñecemento.

- Atopou trabas algunha vez na súa traxectoria profesional polo feito de ser muller?

-Eu comecei a miña traxectoria profesional, xunto cos meus socios, creando Imaxinsoftware, polo que por esa banda nunca tiven ningunha traba, mais ben todo o contrario; mais é certo que dentro do sector, en organizacións ou reunións empresariais, sentín que se tomaban máis en serio as aportacións feitas por homes. Vivín situacións machistas e paternalistas, como todas, iso é algo que desgraciadamente ocorre na maioría dos sectores.

- Cre posible que a nosa xeración chegue a gozar dunha igualdade real entre mulleres e homes a nivel laboral?

-Eu teño 45 anos, non creo que a miña xeración vexa esa igualdade real (e oxalá me equivoque!). Ademais do tema dos salarios, do que tanto se está a falar estes días, hai moito teito de cristal que romper... pero daríame por satisfeita se chegase na seguinte xeración. Firmaba agora mesmo!