A serie documental Pescadores de Historias, que dirixe e presenta X.H. Rivadulla Corcón, e que emite todos os domingos a Televisión de Galicia (TVG) coñecerá hoxe Moncloa, o club social dos mariñeiros de Burela. Está emprazado no edificio que albergou a antiga lonxa e os seus socios, 114 homes e mulleres, son persoas que traballaron o mar e tamén amantes da cultura mariñeira. Aquí reúnense para lembrar a vida no mar e sacar á superficie a tradicional sabedoría mariñeira. Este ano teñen que celebrar que fan dez co local aberto.

Carlos Peinó é o secretario da Moncloa e contará como naceu a idea do club. Antonio Valle falará da súa vida no mar; mentres que, co patrón Jesús García Moá verase como o mar segue presente no pensamento dos vellos lobos de mar.

Rufino Quiroga remontarase aos tempos do barcos de vapor, e, como as mulleres do mar son tan importantes como os mariñeiros, falarase con Felicitas Eijo, a memoria viva de todas as mulleres dos mariñeiros de Galicia, nunha época onde o mar era moi distinto, porque os barcos non tiñan nin as comodidades nin a seguridade de hoxe.

Ademais, o equipo do programa comerá bonito de Burela cociñado por Amelia Villasante, do restaurante da lonxa de Burela.