As vespas velutinas convertéronse nos últimos anos nunha das maiores pragas do noso país. Aproveitando a época de floración, onde as raíñas son máis vulnerables ao tratar de conformar novos niños, A Revista ensinará no programa de hoxe a desfacerse destes insectos para sempre. Para isto, estará no concello coruñés de Cambre con Luís Manuel Corral, experto na eliminación da velutina a través das trampas. Os espectadores poderán comprobar os mellores métodos para atrapalas.

O espazo da Televisión de Galicia (TVG) tamén se desprazará hoxe ata A Fonsagrada para falar cun ferreiro, un dos traballos máis tradicionais, que se están a perder nas novas xeracións. O programa aprenderá de Oliverio Álvarez todos os segredos do oficio, que el aprendeu á súa vez dos seus antepasados.

Por outro lado, co gallo dos Premios Mestre Mateo do pasado sábado, Sevi Martínez falará con algúns dos gañadores nas diferentes categorías, destacando especialmente os vencedores da Crtvg.

Ademais, Carla Reyes contará todos os detalles do Día da Muller Traballadora deste xoves, os seus inicios e as implicacións actuais. Por último, e coma todos os luns, Ignacio L. Balboa achegará información acerca do mundo da saúde.

Tamén no programa ZigZag, que emite a segunda canle da TVG, o estudio de gravación tamén haberá tempo para facer balance con Ángel Suanzes dos Premios Mestre Mateo e dos Óscar.