Na véspera do Día da Muller, a Televisión de Galicia (TVG) ofrece esta noite a tv movie As viúvas do mar, unha homenaxe ás mulleres dos mariñeiros. A película, dirixida por Carlos Sedes, narra en clave realista e cinematográfica as historias de cinco mulleres galegas que afrontan o naufraxio do barco de pesca Santoña, en que os seus homes perderon a vida.

Sofía (Mela Casal), Aurora (Berta Ojea), Lucía (Belén Constenla), a muller do patrón, Renata (María Salgueiro) e Marta (Olalla Salgado), a filla do armador, crean xuntas a vida despois do naufraxio. Cinco viúvas moi diferentes que se erguen, que desenvolven as súas vidas e as rescatan despois de derrubarse o seu mundo no fondo do mar. Despois da noticia do afundimento, as viúvas terán que facerse cargo da situación e tirar cara diante coas súas familias.

As viúvas do mar é un grito á esperanza, á loita e á forza que expresan as mulleres dos mariñeiros, como unha homenaxe ao seu instinto perfecto rescatado do fondo do mar.

Documentais

A continuación, emitirase en primicia Arte+muller+Galicia, dirixido por Rosario Sarmiento. Este documental expón un achegamento ao traballo de artistas mulleres cuxa obra resulta fundamental para entender o desenvolvemento da historia da arte contemporánea en Galicia, a través das biografías, as obras e os testemuños destas artistas pertencentes a diferentes ámbitos creativos e xeracionais. O feito de ser muller marcou para moitas delas a súa traxectoria profesional e, sobre todo, a súa presenza e protagonismo nos espazos de poder e decisión.

A figura de Rosalía de Castro estará tamén presente esta noite. As dúas canles da televisión autonómica galega ofrecerán o documental Rosalía, a musa do pobo, un percorrido pola vida e o traballo literario da autora, a través de testemuños importantes como Carmen Blanco, Pilar García Negro ou Xosé Ramón Barreiro.

Tras este retrato dunha Rosalía feminista e reivindicativa, o espazo No Bico un Cantar afondará no significado da letra Negra Sombra, escrita por Rosalía, e nas numerosas versións que hai desta canción, cuxa música compuxo Xoán Montes, que, desde a súa estrea no Gran Teatro da Habana en 1892, se converteu no maior éxito da nosa música.

Os contidos especiais deste mércores, véspera do Día da Muller, rematarán coa aproximación que fará o espazo Galegos no Espello á biografía e traxectoria profesional de Helena Villar Janeiro, profesora, pedagoga e un dos nomes máis recoñecidos na literatura galega.