A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou os contratos-programa para o curso 2017/18, unha vez os centros analizaron nos primeiros meses de curso as necesidades do seu alumnado. Un total de 159 centros públicos da provincia da Coruña beneficiaranse desta iniciativa, que ten como obxectivos promover a excelencia educativa e loitar contra o abandono escolar, un 22% máis ca no curso anterior. En total poranse en marcha 425 iniciativas diferentes.

Os contratos programa arrancaron hai seis anos como instrumento de apoio aos centros para que, dentro da súa autonomía, poidan levar a cabo un plan de mellora específico en función das necesidades detectadas entre o seu alumnado. Na convocatoria deste ano incorporouse unha nova liña de actuación exclusiva para o alumnado de 3º e 4º de ESO e de FP Básica que presenta baixos resultados académicos co fin de reforzar as competencias matemática, lingüística e en ciencia e tecnoloxía. A súa finalidade última é acadar unha mellora da calidade do ensino para reducir a porcentaxe de alumnado con baixo rendemento. Para iso, cada centro analiza as súas eivas e fortalezas e propón á Administración educativa a sinatura dun documento, o contrato-programa, no que se propoñen actuacións para a mellora do alumnado. No conxunto de Galicia beneficiaranse desta iniciativa un total de 139.999 alumnos (un 34% máis respecto ao ano curso pasado) de 473 centros escolares (un 14% máis que o exercicio anterior), que desenvolverán 1251 iniciativas.